|
Existen unha morea de casos de éxito do uso de Nextcloud en diversas entidades de calquera tipo e sector. Dende Mancomún, nesta ocasión centrámonos no uso de Nextcloud por parte da North-West University en Suráfrica.
Trátase dunha universidade de recente creación e que a día de hoxe é unha das máis grandes da rexión contando con máis de 70.000 estudantes
Os comezos de NWU con Nextcloud foron no ano 2017 que adoptaron esta solución para substituír a tecnoloxía que tiñan ata o momento. Máis adiante, tamén comezaron a usar ONLYOFFICE de forma combinada con Nextcloud e así conseguiron satisfacer todas as necesidades a respecto da colaboración de documentos no ámbito da investigación.
Algunha das razóns que levou á entidade educativa a adoptar o uso de Nextcloud foi a da seguridade que pode ofrecer unha solución despregada en infraestrutura propia con control total sobre ela, ademais, Nextcloud permite sincronizar datos para traballos remotos sen ter conexión continuamente, conta con clientes para dispositivos móbiles, posibilidade de edición de documentos en tempo real grazas á integración de ONLYOFFICE.
|
|
Nextcloud é unha solución libre coa que se poden poñer en funcionamento unha plataforma de produtividade e colaboración que naceu dunha bifurcación de ownCloud. Trátase dunha solución centrada na privacidade, que garante a soberanía dos datos e é respectuosa coas leis de protección de datos, tanto a GDPR europea como a CCPA de California, polo que é unha solución válida tanto para empresas e administracións públicas como para uso doméstico e persoal.
Esta solución non só permite sincronizar e compartir ficheiros a través da rede, senón que, grazas á súa arquitectura permite estender as funcionalidades básicas mediante aplicacións xa desenvolvidas ou construír outras novas.
Algunhas das aplicacións dispoñibles serven para compartir e xestionar contactos e calendarios, tamén existen ferramentas de comunicación que permiten establecer contacto por chat, ou mesmo participar en videoconferencias. Así mesmo, recentemente tamén se conta coa integración de ONLYOFFICE que permite editar ficheiros de forma colaborativa e en tempo real.
Con Nextcloud pódese despregar a solución en infraestrutura propia ou tamén usar servizos ofrecidos por terceiros, está liberada baixo os termos da licenza GPL.
|