LibreOffice 7.0 xa está aquí!

Martes, 11 Agosto 2020

Xa está dispoñible a nova versión da suite ofimática de referencia no mundo do software libre, a LibreOffice 7.0. Trátase dunha versión maior, o que significa que trae novidades importante e non só se trata de unha nova versión que corrixe erros.

O anuncio foi feito pola “Document Foundation” o 5 de agosto e pódese consultar nesta ligazón.

Neste anuncio falan das novidades máis destacadas e onde tamén comentan que para aqueles entornos onde se precise un software máis probado e estabilizado recomendan seguir a usar a versión 6.4.5, mantendo así a tradición de contar con 2 versións en activo, unha versión máis estable e probada á que poder ofrecer un soporte e mantemento máis profesional e outra máis fresca e actualizada para usuarios que prefiran estar á última.

Nas notas da nova versión, The Document Foundation, tamén lembra que para entornos empresariais o máis recomendable é que se contrate un servizo de soporte ofrecidos por algunha das empresas socias oficiais.

Novidades

Entre as novidades xerais máis destacadas están:

  • A posibilidade de usar a aceleración por hardware de GPU que usen drivers con Vulkan grazas a cambiar o código de Cairo pola biblioteca Skia que permitirá ter un mellor rendemento no relacionado cos gráficos.
  • O soporte do formato ODF 1.3
  • Mellorada a compatibilidade cos formatos de Microsoft DOCX, XLSX, XLSX e PPTX e tamén con outros formatos privativos máis vellos
  • Nova aparencia no tema dos iconas Sukapura

A maiores destas melloras xerais da suite ofimática tamén existen outras novidades menos destacadas para as distintas aplicacións que a compoñen como poden ser melloras nos menús, melloras na navegación por documentos de Writer, unha nova forma de xerar números aleatorios en Calc, tamén novos catálogos de formularios e gráficos.

A nova versión, en xeral, tardará aínda algún tempo en estar nos repositorios das distribucións de GNU/Linux (depende de cada distribución). Aínda así, pode descargarse para todas as plataformas dispoñibles dende a páxina web do proxecto tanto en castelán como en galego e instalarse de xeito manual.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal