A Seguridade Social de Polonia aumenta o uso de GNU/Linux

Venres, 14 Agosto 2020

A Institución de Seguridade Social de Polonia (Zakł ad Ubezpieczeń Społ ecznych, ou ZUS) está a aumentar o seu uso de GNU/Linux. A ZUS asinou un contrato de soporte de tres anos con Linux Polska para axudar cos seus clústers de alta dispoñibilidade de servidores GNU/Linux virtualizados.

A ZUS, que forma parte do Ministerio de Traballo e Política Social de Polonia, xestiona o pago das prestacións da seguridade social e as contribucións ao seguro médico.

A principios de 2018, a ZUS anunciou que completara con éxito a revisión do seu sistema de pago, baseado en GNU/Linux entre outros sistemas operativos. O proxecto, que segundo a ZUS era un dos proxectos de TI máis importantes de Polonia, desenvolveu e implementou unha solución que axuda á organización para xestionar 19.000 millóns de zlotys (uns 4.500 millóns de euros) en pagos de seguros médicos, incluíndo as contribucións duns 24 millóns de cidadáns.

Alta dispoñibilidade

As grandes organizacións como ZUS utilizan clústers GNU/Linux virtualizados para xestionar os seus procesos de negocio. Estes clústers facilitan a xestión do escalado das solucións informáticas e permiten un rápido lanzamento de novas aplicacións, explica a empresa no seu anuncio.

Xestionados de forma centralizada, estas agrupacións industriais axudan a:
“automatizar a detección e eliminación de ameazas e facilitan a configuración de aplicacións e recursos que esixen unha alta dispoñibilidade”, comenta a empresa.

O contrato de soporte 24/7 de Linux Polska baséase no uso das solucións de Red Hat. ZUS é unha das polo menos doce organizacións do goberno central que traballan con Linux Polska en solucións de software libre, engade a empresa.

A compañía ten ou tivo contratos con varios ministerios, incluíndo Xustiza, Finanzas e Dixitalización. Outros clientes do goberno central son a Axencia para a Reestruturación e Modernización da Agricultura, o Fondo Nacional de Saúde e a Oficina da Autoridade de Supervisión Financeira Polaca, segundo o anuncio da empresa.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal