|
Existen unha grande cantidade de casos de éxito de Sakai, especialmente entre entidades de ensinanza entre as que se atopan unha morea de universidades dos Estados Unidos, aínda que tamén doutros puntos do planeta, como a do caso de éxito que ocupa este boletín, a Universidad Pública de Navarra, coñecida pola siglas UPNA.
Na UPNA veñen usando dende hai xa bastante tempo sistemas informáticos de apoio á aprendizaxe, pero non foi ata o ano 2008 cando comezaron a usar Sakai. Os comezos con Sakai foron con unha implantanción dunha proba piloto á que se ían sumando os docentes que quixeran probalo. Estas probas foron un éxito rotundo, polo que no ano 2010 xa tiñan toda a docencia oficial con Sakai e pasados uns anos da súa adopción, a satisfacción coa ferramenta entre a comunidade educativa é moi alta.
Dende a UPNA destacan como unha das decisións para cambiarse a Sakai foi que a anterior plataforma que usaban estaba obsoleta e que adquirir licenzas de novas versión eran demasiado caras, polo que deron o salto á plataforma de software libre e aberto Sakai. Ademais de empregar Sakai, dende a UPNA tamén participan na comunidade arredor da ferramenta e teñen realizado contribucións ao proxecto.
|
|
Sakai LMS é unha solución de xestión educativa, en inglés Learning Management System, mediante o uso de Sakai pódese despregar unha plataforma de aprendizaxe en liña para ser utilizada como apoio á docencia por entidades educativas de todo tipo, así mesmo tamén pode ser empregada en departamentos de formación de empresas ou entidades públicas.
A primeira versión estable de Sakai foi liberada no ano 2005 e o seu desenvolvemento estivo sempre vinculado con diversas universidades dos Estados Unidos onde ten unha maior presencia e implantación. A solución está maioritariamente desenvolvida na linguaxe de programación Java e está liberada baixo os termos da licenza Educational Community License (ECL), que está baseada na Apache versión 2 e conta con un deseño modular e que conta con numerosas integracións con outras plataformas, como poden ser BigBlueButton, WordPress, Mahara...
O software Sakai proporciona unha solución completa e intuitiva para diversas situacións de ensino, pode ser empregado tanto como un apoio á docencia presencial como tamén pode ser usado como plataforma de docencia en liña grazas a que está desenvolvida seguindo estándares como os SCORM e ás diversas integracións que facilitan a súa extensión segundo as necesidades. Para o uso de Sakai é necesaria realizar unha implantación en infraestrutura propia ou ben usar a infraestrutura de terceiros.
|