Co fin de mellorar a interoperabilidade cos servizos da eAdministración, a Oficina de coordinación de software libre da Amtega pon a disposición da cidadanía dúas máquinas virtuais (baseadas en dúas distribucións de GNU/Linux) que permiten a realización de trámites con sinatura dixital empregando ferramentas de software libre.
As distribucións dispoñibles son, por unha banda Debian 9 (coa mesma configuración que se pode atopar nos centros e aulas da rede CeMIT), e por outra banda Ubuntu (na súa última versión LTS dispoñible), xa que se trata dunha das distribucións máis coñecidas e empregadas.
Estas máquinas virtuais, contan como compoñente principal coa aplicación para a sinatura de documentos Autofirma. Trátase dunha aplicación de software libre que está dispoñible para GNU/Linux, MacOS X e Windows. As dúas configuracións foron testadas nos diferentes servizos da administración electrónica da Xunta de Galicia.
Máquinas virtuais dispoñibles
As máquina virtuais xa configuradas que están dispoñibles para a descarga son as seguintes (podedes pulsar encima delas para iniciar a descarga):
– Ubuntu Mate 20.04 LTS
– Debian 9
Instruccións para o uso das máquinas
Neste artigo do portal de Mancomún, atoparedes as instrucións necesarias (acompañadas de capturas de pantalla) para a instalación e uso das máquinas virtuais, instrucións para a importación do certificado dixital, así como posibles solucións a problemas no proceso.