A Wikipedia celebra o seu 20 aniversario. A enciclopedia libre nacía 15 días despois de entrar no século XXI, billóns de horas foron investidas para crear millóns de artigos por parte de miles de persoas en centenares de idiomas, e fíxose de forma desinteresada, sen recibir nada a cambio.

Wikipedia

A Wikipedia é un proxecto libre, independente, gratuíto, colaborativo e multilingüe, con máis de 55 millóns de artigos en máis de 300 idiomas. Wikipedia pódese consultar desde a súa creación de forma gratuíta e sen publicidade, e iso é grazas en parte á comunidade e grazas tamén á existencia da organización sen ánimo de lucro que dá soporte económico para o seu mantemento.

Wikipedia é moito máis que unha enciclopedia na rede. Trátase dunha rede de miles de persoas colaborando nun proxecto común. Unha fonte de información verificable e de confianza. Wikipedia pasou de ser unha web mal vista pola comunidade educativa e científica, a ser recoñecida como unha das principais fontes de consulta na rede, e converteuse mesmo en obxecto de estudo.

O 23 de outubro de 2015, recibiu o Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional en Oviedo. Durante estes anos, profesorado en centros de ensino, persoal dedicado á investigación, e persoal de museos, bibliotecas e arquivos sumáronse a wikipedistas de todo o mundo para seguir construíndo unha enciclopedia de calidade.

Integrantes da comunidade wikipedista recibindo o premio. Imaxe de Sarmad Yaseen, CC BY-SA 4.0, via Wikimedia Commons.

O 7 de setembro de 2004, naceu Wikimedia Commons, o repositorio de arquivos libre.

Xunto á Wikipedia fóronse creando unha serie de proxectos irmáns que a complementan: o dicionario libre Wikcionario, o repositorio de textos libres Wikisource, a fonte de noticias libres Wikinoticias, a base de datos libre Wikidata, a guía de viaxes libre Wikiviaxes, a colección de libros, manuais e textos pedagóxicos libres Wikilibros, a colección de citas Wikiquote, a colección de titoriais e cursos Wikiversidad e o catálogo taxonómico Wikispecies.

A desinformación e as noticias falsas son algúns dos retos que ten por diante a xente de Wikipedia.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This