Alemaña proba X-Road para ofrecer receitas dixitais interoperables

Venres, 22 Xaneiro 2021
Alemaña proba X-Road para ofrecer receitas dixitais interoperables

En tempos de COVID-19, as solucións fiables e interoperables do sector público son de especial importancia. Alemaña está a probar unha maior dixitalización da súa sanidade e confía na solución de capa de intercambio de datos X-Road® para conectar aos provedores médicos.

En Alemaña, a asociación de saúde pública de cada rexión xestiona a súa propia infraestrutura TIC, pero a pandemia de COVID-19 demostrou a necesidade de interconectar e interoperar as infraestruturas para garantir a continuidade do servizo cando moitos servizos deben prestarse dixitalmente.

imagen

A asociación da sanidade pública de Hesse, en colaboración coas farmacias e as aseguradoras sanitarias, recoñeceu este feito e investiu na dixitalización da súa infraestrutura, facendo posible as videoconsultas e as receitas dixitais, unha novidade en Alemaña, segundo anunciaron. Para iso, elixiron a X-Road como unha das bases técnicas para garantir a interoperabilidade dos provedores médicos conectados.

Os responsables decidiron confiar nunha solución que demostrou a súa eficacia en Estonia, país experto en tecnoloxía dixital, e noutros países do mundo, informou Pharmazeutische Zeitung. Os datos están descentralizados, cada autoridade, consulta ou hospital mantén a súa propia base de datos. A infraestrutura telemática foi implantada por Nortal, o provedor estoniano de sistemas informáticos responsable do proxecto piloto de Hesse.

Toda a información procedente dos pacientes, os médicos e os provedores de servizos codificarase por separado en tres silos de datos diferentes. Os datos deberían poder vincularse entre si a proba de falsificacións mediante a tecnoloxía de cadea de bloques. Os pacientes poderán facer un seguimento de todos os accesos aos seus datos.

X-Road

imagen

X-Road é unha solución de software e ecosistema de software libre que proporciona un intercambio de datos unificado e seguro entre organizacións.

X-Road é un software iniciado no 2001 polo Departamento Estatal de Sistemas de Información de Estonia e liberado baixo a licenza MIT. Este proporciona unha capa de integración que permite o intercambio de información de xeito distribuída (a información é almacenada onde é creada), de forma segura e mediante estándares a través de internet.

Tedes máis información sobre X-Road no apartado de solucións TIC do portal de Mancomún: https://www.mancomun.gal/solucion-tic/x-road/

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal