Novas

No mes de abril publicouse unha nova pílula sobre unha solución libre ofrecida no CDTIC Virtual, nesta ocasión, a ferramenta foi Zabbix; tamén se produciron dous novos episodios de Mancomún Podcast, os números 52 e 53, sobre podcasts e música libre con Uxío Broullón e sobre o Concurso Universitario de Software libre de 2021 respectivamente. Outra das publicacións de Mancomún neste mes de abril foi a primeira escolma de novas que resume as noticias semanais do portal en formato vídeo.

O mes de abril tamén trouxo unha manchea de novas versións de varios proxectos libres, como o entorno de escritorio GNOME, co número de versión 40 e traducido ao 100% ao galego, ou a distribución de GNU/Linux Ubuntu 21.04, pero tamén o sistema operativo de tipo BSD, FreeBSD 13 e mesmo Debian 10, que tivo unha actualización menor á 10.9. Outro do software renovado foi o hipervisor Xen, con melloras para ARM, e o editor de imaxes Gimp.

Algunhas outras novidades do último mes foi o anuncio da comunidade KDE dicindo que dará continuidade ao soporte das bibliotecas Qt5 ou a vitoria para os desenvolvedores e para o software libre no xuízo pola propiedade intelectual das API de Java ou o evento europeo arredor dos datos abertos chamado "EU Open Data Days". Tamén foron noticia as apostas polo software libre tanto de Dortmund coma da administración dos Paises Baixos. E xa máis nun ambiente máis próximo, temos o novo catálogo de datos e servizos de mapas do IDEAndalucía e a iniciativa dos estudantes da Universidade de Vigo que reciclan computadoras instalándolles software libre para darlles outra vida doándoas a familias con poucos recursos.


Proxecto destacado

logo de GatsbyJS

Gatsby é un framework mediante o cal se pode construír páxinas ou aplicacións web. Trátase dunha solución liberada baixo a licenza MIT que tamén é coñecida como GatsbyJS xa que está escrito na linguaxe JavaScript empregando as bibliotecas React, grazas ás cales permite crear interfaces modernas e interactivas.

Esta solución é similar ao que se coñece como xeradores de páxinas estáticas, pero tamén permite recompilar información de forma dinámica de distintas fontes, polo que se poden crear diversos tipos de páxinas, dende as típicas "landing" ou "portfolios" a blogues, pasando por sitios de comercio electrónico ou páxinas empresariais. Ademais das características que ofrece a solución de serie tamén se poden estender mediante o uso de plugins.

Ademais do proxecto de software libre tamén existe unha empresa co nome Gatsby Inc que foi fundada polos desenvolvedores principais do proxecto. Esta empresa dirixe o desenvolvemento da solución e ofrece servizos arredor da mesma, dende algúns máis enfocados no desenvolvemento a o servizo de aloxamento optimizado para o framework.

Pin It on Pinterest

Share This