Estudantes da UVigo reciclan ordenadores con software libre para doar a familias con poucos recursos

Luns, 19 Abril 2021
Estudantes da UVigo reciclan ordenadores con software libre para doar a familias con poucos recursos

Organizada pola asociación IEEE UVigo coa colaboración da ONG Accem, alumnado das enxeñarías pon en marcha unha campaña de recollida solidaria de ordenadores.

Coa idea de axudar a mitigar a fenda dixital que sofren moitas familias, especialmente dende o inicio da pandemia, a asociación estudiantil IEEE Uvigo, na que se agrupan estudantes das diferentes titulacións de enxeñaría que se imparten na UVigo, acaba de pór en marcha unha recollida solidaria de ordenadores, equipos que eles mesmos se encargarán de reacondicionar con software libre nun espazo que lles acaba de ceder a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para, posteriormente, repartilos entre as familias con menos recursos.

“A iniciativa xurdiu a partir dun proxecto similar que desenvolve a ONG Enxeñería Sen Fronteiras (ESF) na Coruña coa ONG Ecos do Sur; a nosa idea é facer o proxecto equivalente pero desta vez en Vigo, que é onde se localiza a nosa asociación’, explica o vicepresidente de IEEE UVigo Mateo Cid, estudante de mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación, ao que engadiu que, se todo sae ben, a idea é prolongar esta campaña no tempo, “polo que estamos abertos a calquera doazón a longo prazo a través do formulario“.

A recollida está aberta á participación de calquera persoa que teña equipos para doar, tanto particulares como entidades ou empresas.

Ademais dos ordenadores, tanto portátiles como de sobremesa, poderá entregarse todo tipo de material informático (monitores, teclados, ratos, cables de conexión, discos duros, memorias…

“Intentaremos aproveitar todo ao máximo”, salienta Cid, quen adianta que, pese a que a iniciativa acaba de pórse en marcha, desde o Consorcio da Zona Franca xa lle doaron catro ordenadores que recollerán mañá venres e tamén lle empezaron a chegar as doazóns de particulares. O único requisito imprescindible para doar é completar un formulario, no que queda rexistrado o correo electrónico da persoa doante e a través do cal se porán en contacto con ela no momento da recollida.

“A medida que nos vaian chegando ordenadores irémolos arranxando”, engade o estudante, quen fai fincapé en que se trata dun proxecto “a longo prazo”. Os membros voluntarios do IEEE UVigo serán os encargados de limpar estes equipos a fondo e instalarlles un sistema operativo GNU/Linux e aplicacións de software libre, para que o equipo poida utilizarse desde o primeiro día en que se realice a entrega. Unha vez arranxados e equipados serán entregados á ONG Accem, que será a encargada de darllos ás familias en risco de exclusión ás que axuda.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal