Novas

Durante este mes de agosto destacamos as novidades de software como a actualización da última versión de soporte longo Ubuntu 18.04.3 LTS e da versión tamén de soporte de longa duración de Red Hat Enterprise 7.7 ou a versión 2.80 de Blender, a solución libre para o deseño e animación 3D profesional. Outras novidades do mundo tecnolóxico libre son a primeira placa base para servidores soportada por CoreBoot, a recente incorporación da empresa Red Hat á fundación RISC-V e o 15 aniversario de OpenStreetMap.

No portal de Mancomún anunciamos unha serie de eventos próximos como o hackathon de e-téxtiles en Vigo organizado por A Industriosa e GALPon e o obradoiro de introdución a QGIS organizado por Bricolabs na Coruña. Xa nun ámbito máis internacional e global tamén destacamos a Linux App Summit 2019 en Barcelona, o curso en liña sobre datos abertos ou o concurso fotográfico Wiki Loves Monuments.

Por último, destacamos os últimos números do podcast de Mancomún, como son o número 10 sobre outros podcasts que falan de Software Libre, o undécimo sobre blogs de Software Libre, o número doce falando do aniversario de OpenStreetMap e o último relativo a diversas webs sobre Software e Cultura Libre.


Proxecto destacado

logo Prometheus Prometheus é un sistema de monitorización libre (baixo Apache 2.0), programado na linguaxe Go e iniciado por desenvolvedores de SoundCloud, debido a que nin as solucións de monitorización nin as métricas existentes cubrían as súas necesidades e dende 2016 forma parte da Cloud Native Computing Foundation.

Trátase dunha solución modular, eficiente e escalable que ofrece monitorización inclusiva, podendo analizar tamén o interior dos servizos e non só os extremos; con un modelo de datos permitindo métricas multi-dimensionais. Prometheus tamén conta con unha linguaxe de consultas flexible e potente e as medidas son recuperadas mediante un modelo "pull" pero permitindo tamén "push" mediante unha pasarela. Ademais, Prometheus permite múltiplos xeitos de realizar gráficos, así como facilidades de integración con outras plataformas que necesiten extraer datos de monitorización.

Pin It on Pinterest

Share This