Red Hat ven de unirse á fundación para desenvolver a arquitectura de procesadores libre RISC-V.

A empresa detrás da distribución de GNU/Linux empresarial por excelencia (Red Hat Enterprise Linux) xa comezara a traballar no soporte de chips RISC-V seguindo os pasos doutras como Google, Nvidia, Qualcomm ou mesmo IBM, que acaba de mercar Red Hat hai escasos meses. Este é un paso máis por parte de Red Hat que a compromete co hardware libre, tendo no horizonte a execución de software libre en hardware libre, conseguindo así ter un sistema informático composto completamente sobre prezas libres.

RISC-V

RISC-V é unha arquitectura de procesadores; termo tamén coñecido como ISA, do inglés Instruction Set Architecture. A peculiaridade da mesma é que é completamente libre, aberta e gratuíta o que permite que calquera poida fabricar os seus chips seguindo esta especificación sen pagar dereitos de explotación.

Esta arquitectura comezou a deseñarse como proxecto de investigación da Universidade de California en Berkeley, no ano 2010 e as siglas do nome veñen do inglés RISC (Reduced Instruction Set Computer), que é un principio de deseño de procesadores que ten como particularidade ter instrucións de tamaño fixo e un número reducido de formatos e que só as instrucións de carga e almacenamento son quen de acceder á memoria de datos.

Unha das características máis destacables desta arquitectura é que está deseñada para ser útil nunha ampla gama de dispositivos e conta con un conxunto de ferramentas software arredor da mesma como compiladores, depuradores, simuladores, etc, que por suposto a maior parte delas son libres.

Os detalles técnicos das especificacións así como outros detalles da arquitectura en cuestión, pódense atopar nesta ligazón.

A fundación RISC-V naceu en 2015 e nela participan máis de 250 entidades, a súa misión é promover e acelerar a adopción da arquitectura RISC-V.

Pin It on Pinterest

Share This