A principios de agosto, os desenvolvedores de 9elements anunciaron no seu blog a noticia de que CoreBoot xa soporta a placa base Supermicro X11SSH-TF. Esta novidade é importante posto que é a primeira placa base para servidores compatible con Intel Xeon en estar soportada por CoreBoot.

O traballo de soporte desta placa levouse adiante en conxunto co fornecedor de VPNs Mullvad como parte do proxecto de transparencia e mellora da seguridade da infraestrutura do servidor, deixando a un lado compoñentes patentados, garantindo así a independencia tecnolóxica.

CoreBoot

CoreBoot é un proxecto libre, baixo a licenza GPLv2, que pretende ser o substituto libre do firmware privativo que usan os fabricantes para a BIOS ou UEFI.

Este software de baixo nivel é o que se encarga da coordinación do arranque das computadoras, inicializar o hardware (procesador, memoria RAM e periféricos) e lanzar o cargador de arranque ou propio sistema operativo. Tradicionalmente os fabricantes instalan unha versión deste firmware que é privativa e dependente dos fabricantes de chips.

CoreBoot naceu como alternativa a estes sistemas fechados, proporcionando así unha alternativa libre e que non sexa dependente dos fabricantes á hora de solucionar erros, fallos ou incluír novas funcionalidades así como para evitar a posible existencia de portas traseiras. En definitiva, para levar todas as vantaxes do software libre ao firmware das computadoras.

Para o proxecto CoreBoot este paso é moi importante, xa que de momento non é un software amplamente utilizado e ao soportar dispositivos destas características gañan sona tanto entre usuarios como entre desenvolvedores.

Fonte da nova e imaxe: https://blog.desdelinux.net/x11ssh-tf-la-primera-motherboard-para-servidores-en-utilizar-coreboot/

Pin It on Pinterest

Share This