|
Existen recentes casos da adopción de sistemas de comunicación baseados en Matrix como son o caso de Mozilla que se pasou do IRC a Matrix mediante Riot ou o caso da proba piloto que o exército alemán está a realizar.
Un caso algo máis maduro é o do goberno francés, que xa anunciara a mediados do ano 2018 a adopción de Matrix para o uso interno do seu funcionariado e evitar así o uso de Whatsapp e Telegram para os asuntos oficiais, aumentado a seguridade das comunicacións e tendo unha maior independencia tecnolóxica.
Adicionalmente, dende o DINSIC (Departamento Interministerial do Estado Dixital, Información e Sistemas de Comunicación) contan con facer achegas ao desenvolvemento de Riot.im, do que fixeron un fork para a súa infraestrutura chamado Tchat, esperan tamén integrar os teléfonos de oficina con este protocolo.
|
|
Matrix é un protocolo libre e estándar aberto de comunicación en tempo real que permite implementar e despregar servizos de comunicación e mensaxería instantánea como poden ser chat, VoIP, videoconferencia...
Unha das características máis importantes de Matrix é que se trata dun protocolo federado o que garante a interoperabilidade entre distintos fornecedores de servizos, podendo así usar unha instalación en infraestrutura propia ou nunha nube externa.
Aínda que Matrix é só o nome do protocolo, mediante este nome tamén se frecuenta facer referencia a todo o ecosistema existente arredor desta tecnoloxía como poden ser todas a implementacións que hai, dentro das que se atopan Synapse, e Riot.im, as aplicacións de referencia de servidor e de cliente respectivamente.
|