Novas

Durante o mes de decembro no portal de Mancomún publicáronse dúas novas edicións de Mancomún Podcast e unha nova pílula sobre ferramentas empresariais. O número 44 de Mancomún Podcast trátase dunha entrevista con José Jiménez, organizador do evento 24H24L que tamén se difundiu no portal, e o número 45 foi unha entrevista con María J. Rodríguez, responsable de e-learning no Centro de Supercomputación de Galicia. A pílula publicada en decembro foi sobre comercio electrónico e na que se explica o funcionamento da solución libre Woocommerce.

Este último mes deixounos algunhas novidades no software libre, como a liberación dos drivers de Vulkan para Raspberry Pi por parte da galega Igalia, novas versións maiores da linguaxe de programación PHP ou da biblioteca de compoñentes gráficos GTK. Tamén se difundiu a conversión de CentOS en CentOS Stream que trae como consecuencia o abandono do soporte de CentOS 8 no próximo ano, así como a nova versión de ONLYOFFICE 6.1.

No portal tamén se publicaron outras novas sobre a comunidade do software libre como a creación da Open Source Security Foundation, coa presenza de grande empresas como Google, Microsoft ou GitHub. A actualización do asistente para a escolla de licenzas de Joinup, o caso da reutilización do software en Noruega para a mellora do entorno, a nova web sobre software educativo para crianzas que creou a comunidade KDE ou a ampliación do ecosistema do proxecto GNOME mediante a iniciativa Circle.


Proxecto destacado

Logo de Mattermost

Mattermost é un conxunto de ferramentas de colaboración que ten como epicentro un servizo de mensaxería instantánea, dende o cal se pode acceder ao resto de funcionalidades. Mattermost posúe unha API mediante a cal se poden desenvolver integracións con outros sistemas ou servizos como poden ser IRC, WordPress, Jenkins, Nagios, Git...

Esta solución está composta principalmente de dous compoñentes. Por un lado temos a parte servidor que está desenvolvida na linguaxe Go e con licenza MIT e por outro lado temos a parte cliente da cal hai varias alternativas: a aplicación web, a aplicación de escritorio e a aplicación para teléfonos, ambas escritas maioritariamente con JavaScript empregando React e todas licenciadas baixo os termos de Apache 2.0.

Aínda que Mattermost comezou sendo unha aplicación de chat privativa, pasado un tempo decidiron liberala, hoxe en día o desenvolvemento está a cargo dunha empresa homónima que ademais comercializa servizos de soporte e funcionalidades extra máis avanzadas. Mattermost tamén se acostuma presentar como a alternativa libre a Slack e de feito supera a esta en varios aspectos como pode ser no relativo á seguridade e privacidade, pois Slack só é un servizo mentres que Mattermost, aínda que tamén se pode empregar como servizo na nube, permíteche instalar o software en infraestrutura propia, tendo así o control sobre os datos usados na aplicación.

Pin It on Pinterest

Share This