O principal compoñente visual de múltiplos proxectos libres como o programa de manipulación de fotografías, Gimp, ou o escritorio GNOME, acaba de liberar unha nova versión maior, a versión 4.0.

Esta nova versión de GTK trae unha morea de novidades, dentro das máis destacadas poden ser as melloras para OpenGL e Vulkan como o novo compoñente de renderizado que está baseado na API de Vulkan e que optimizará o debuxado de sombras de moitos dos compoñentes visuais utilizados en GTK, así como outras organizacións das estruturas de programación internas que optimizarán o procesamento máis eficiente por parte das unidades de procesamento gráfico (GPUs).

Algunhas outras melloras tamén son a reorganización da API GDK para poder usar mellor o protocolo Wayland e que deu lugar a unha separación de funcións en base ao uso de X11 ou de Wayland.

Esta nova versión é o froito de arredor de catro anos de desenvolvemento e que a parte das novidades que trae per se, tamén ten como consecuencia que a versión 2.x de GTK deixará de ter soporte despois da derradeira versión que sairá proximamente. Polo que dende a comunidade desta biblioteca recomendan a desenvolvedores e usuarios cambiarse a versións máis recentes para teren soporte, como á 3.x ou á novidosa 4.0.

Ademais, esta nova versión tamén se espera que sente as bases do desenvolvemento da próxima versión maior de GNOME, a GNOME 40, para poder así tirar proveito das características máis novidosas da mesma.

Outras melloras que non pasan desapercibidas son outras melloras variadas como as de multimedia dos compoñentes GTK, as de accesibilidade, certas optimizacións en transformacións gráficas de elementos gráficos e tamén de efectos e nas accións de arrastrar e soltar compoñentes gráficos.

Para máis información e incluso vídeos demostrativos de algunhas características, pódese consultar as notas da versión na web do proxecto.

Pin It on Pinterest

Share This