O driver Vulkan para as últimas xeracións de Raspberry Pi ven de conseguir a conformidade coa especificación de Vulkan 1.0 e despois de ter superados sobre 100.000 test xa está preparado para ser mesturado co resto de software de Mesa no seu repositorio principal.

Trátase dunha boa nova xa que este driver pon as capacidades da unidade de procesamento de gráficos (GPU) á disposición dos usuarios dos modelos Raspberry Pi 4, Raspberry Pi 400 e o “Compute Module” 4 e senta a base para se continúe traballando e mellorando por calquera, ao ser software libre.

O desenvolvemento deste driver xa comezara a súa andadura hai aproximadamente un ano e cabe destacar que ten certa parte galega xa que gran parte dese traballo estivo impulsado pola empresa Igalia, con sede na Coruña. Non é de feito ningunha novidade que a empresa socia de AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre), Igalia, traballe a prol do software libre, senón que é unha das súas razóns de ser e leva facéndoo dende a súa fundación.

Vulkan

Logo de Vulkan

Vulkan é unha especificación de API (Application Programming Interface) multiplataforma para gráficos 3D. Está deseñada polo consorcio Khronos Group no que participan empresas como ATI, Intel ou NVIDIA. Trátase dunha especificación moderna e que ten aplicacións fundamentalmente no mundo dos videoxogos e da multimedia.

Mesa

Mesa é un proxecto de software libre que implementa as especificacións de Vulkan e expón as súas características como unha biblioteca para que os demais compoñentes do sistema informático poida facer uso da GPU (unidade de procesamento gráfico) sen a necesidade de depender de compoñentes privativos.

 

Pode consultarse máis información tanto no blog de Igalia coma no blog de Raspberry Pi.

Pin It on Pinterest

Share This