Novas

Durante este último mes no portal de Mancomún publicáronse cinco pílulas formativas en formato de vídeo onde se fai unha pequena demostración e explicación do funcionamento de diversas ferramentas libres que están encamiñadas a axudar no traballo a distancia. A pílulas publicadas foron sobre Bitwarden, un xestor de contrasinais; Taiga, unha ferramenta de xestión de proxectos; Framadate, para planificar a toma de decisións, votacións e fixar datas; Etherpad; un caderno de notas colaborativo e Drawpile, para o deseño colaborativo.

Outras das publicacións en formato multimedia foros os tres programas novos do Podcast de Mancomún, unha sobre o entretemento para os cativos, outra sobre xogos en GNU/Linux e o último número sobre as distribucións de GNU/Linux de uso común tanto para entornos empresariais como para doméstico. Tamén a xente do HackLab Almería está publicando os vídeos das charlas virtuais que están levando a cabo e que se titulan #YoMeQuedoEnCasa.

Destacadas tamén son as novas que nos contan a publicación de diversos informes sobre as políticas de software libre dos distintos membros da Unión Europea, a finalización da compra de NPM por parte de GitHub e a guía de datos tabulares en ficheiros CSV por parte do estado español.

Outras novas sobre o mundo do software libre das que dende Mancomún se fixo eco foron a de que os eventos internacionais Akademy e GUADEC se celebrarán online, a implantación e adopción de Jitsi para as videoconferencias en Rianxo e se falamos de novas versións de software temos a liberación da nova versión de Ubuntu con soporte de longa duración, chamada Focal Fossa, tamén se liberou a derradeira corrección para Python 2, que deixará de ter xa soporte oficial, a actualización da edición baseada en Debian de Linux Mint, e o soporte de Secure Boot na distribución Tails.


Proxecto destacado

logo de Rocket.caht Rocket.chat é unha solución de comunicación co foco posto en equipos de traballo de desenvolvemento, aínda que é totalmente válido para calquera tipo de traballo que requira de comunicación entre os seus membros. O proxecto naceu sendo unha extensión de chat para un CRM, está desenvolvida fundamentalmente en JavaScript e liberada maioritariamente baixo licenza MIT. Rocket.chat tamén é a empresa que lidera o desenvolvemento da solución e que ofrece servizos sobre esta, sendo un deles o uso da aplicación sen necesidade de realizar un despregue en infraestrutura propia, así como características e desenvolvementos máis avanzados non libres, seguindo o modelo de negocio "open core".

Mediante o uso de Rocket.chat pódese ter unha ferramenta para a comunicación apropiada tanto para o tempo real como para casos máis asíncronos, integrando así nunha mesma ferramenta características propias do correo electrónico e da mensaxería instantánea agregando ademais outras funcionalidades máis avanzadas ou incluso a opción de desenvolver integracións con outros sistemas que poden ampliar as posibilidades da solución, xa que Rocket.chat conta con unha API pública.

A solución é unha aplicación web multiplataforma que se compón de parte servidor e parte cliente, sendo altamente configurable e que alén das típicas accións das aplicacións de mensaxería instantánea tamén permite realizar videoconferencias, compartir ficheiros e a pantalla entre os usuarios. Trátase así dunha alternativa libre a aplicacións como poden ser Slack.

Pin It on Pinterest

Share This