A versión 2 da linguaxe Python está de despedida coa recentemente publicada corrección co número de versión 2.7.18.

Péchase, con esta versión, un ciclo que durou arredor de 11 anos dende que saíu a primeira versión 3 de Python que non tiña compatibilidade coa anterior.

En realidade era unha “morte” que se viña anunciando dende hai tempo, pois en principio xa dende o 1 de xaneiro de 2020 non se ían a liberar novas versións oficiais de Python 2, pero finalmente liberaron unha última versión que corrixe algúns erros.

As recomendacións dende a Python Software Foundation xa dende hai uns anos era ir migrando os desenvolvementos existentes a Python 3. Pese ás recomendación sempre van quedando proxectos que ou ben por falta de tempo ou ben por que están un pouco abandonados ou por non considerar necesario realizar ese cambio.

Para todos eses proxectos que non deron o salto sempre queda a posibilidade de que alguén faga un “fork” e siga corrixindo os problemas de seguridade que poida haber en Python 2 ou arriscarse a seguir usando a mesma versión que viñan usando ate agora, pois seguirá estando dispoñible para a descarga. Aínda así, non é o máis aconsellable se queren ter un software con un bo mantemento e o máis libre de erros posible.

Dende Mancomún tamén cabe destacar que nas versións das distribucións que continúan tendo soporte de software dependente de Python 2 e que estas aínda continúen ofrecendo o mesmo soporte  continuarán ofrecéndoo mentres dure o contrato de mantemento desas versións.

Esta última versión está dispoñible nas distribucións que aínda manteñan o soporte de Python 2 e na web do proxecto Python.

Pin It on Pinterest

Share This