|
Existen unha morea de casos de éxito de Alfresco como xestor documental tanto en entidades públicas como en entornos empresariais. O caso que nos ocupa hoxe trátase do municipio sueco de Alingsås. En Suecia os concellos son responsables de proporcionan un número elevado de servizos públicos, debido ao cal, xérase unha cantidade importante de documentación, polo que é un reto tecnolóxico fornecer algunha solución para que os funcionarios públicos poida atopar a información necesaria para realizar o seu traballo dunha forma eficaz e rápida e tamén para que os cidadáns poidan atopar información sobre os servizos que usen.
A solución da administración municipal pasou por implementar unha solución que permitise a xestión de documentos de estándares abertos e que soportase o intercambio de información entre diversos sistemas e que fose sinxelo de utilizar por parte dos traballadores, polo que se decantaron por Alfresco da man dun fornecedor que ademais integrou o ECM con Drupal.
A solución final está xestionando 40.000 documentos que son accedidos por 2.500 usuarios, os que resaltan a facilidade de uso da plataforma, así como un aforro en custos derivados dunha maior eficiencia por parte dos empregados municipais.
|
|
Alfresco é unha solución para a xestión documental que ofrece un sistema Xestor de Contidos Empresarial ou ECM. O desenvolvemento desta solución vai da man da empresa Alfresco Software Inc. e conta con varias versións entre as que se atopa a edición comunitaria que está licenciada baixo a LGPL, a maiores conta con versións empresariais sobre as que ofrece servizos como o de soporte profesional.
Trátase dunha solución desenvolvida principalmente con tecnoloxía Java, multiplataforma e conta coa posibilidade de integración con outras tecnoloxías como LDAP, Microsoft Office, LibreOffice, Outlook ou Thunderbird, SMB, FTP. Empregando Alfresco pódese xestionar procesos e documentación facilitando o control, seguimento, procura e organización de todos os documentos dunha organización empregando unha interface sinxela e intuitiva mediante o navegador web.
|