• Sergio Rodriguez Gayoso e Marcos Fernández Pichel foron os gañadores deste ano.
  • O galardón busca o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, e apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación

A tarde do venres 25 de outubro fallouse o premio da XII edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado polo CIXUG coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

1ro premio 2019

Sergio Rodríguez Gayoso xunto con Rafael Rodríguez Gayoso en representación do CIXUG

Esta iniciativa busca premiar o labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

2do premio 2019

Marcos Fernández Pichel xunto con Javier Vila Besada en representación de GPUL

Un total de 6 candidaturas foron avaliadas polo xurado centrándose principalmente na valoración do correcto licenciamento dos proxectos así como o uso de metodoloxía de traballo propia dos desenvolvementos en aberto. Todos eles tiveron oportunidade de de defender hoxe ante o xurado os seus méritos para seren merecedores deste premio. Tras a oportuna deliberación o xurado procedeu a dar a coñecer o seu fallo.

O primeiro premio recaeu en Sergio Rodríguez Gayoso da Universidade de A Coruña polo proxecto Mellora da seguridade en bicicletas consistente nun sistema que prové de vídeo retrovisor e automatización de luces para indicar posición e manobras na bicicleta co fin de aumentar a seguridade do ciclista. Componse dun dispositivo con luces e cámara, e dun smartphone. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa Amtega.

Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a Marcos Fernández Pichel da Universidade de Santiago de Compostela polo proxecto eXtream: plataforma Big Data consistente nunha plataforma de Big Data que ten por obxectivo principal implementar topoloxías modulares e personalizadas para o procesamento masivo de datos web en tempo real, cunha dotación económica de 750€ achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Amtega.

Finalistas

Os outros finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron:

  • Roberto López CastroSeguimento de deportistas empregando IA – Solución que permite localizar automaticamente de forma precisa e en tempo real un xogador concreto nun evento deportivo.
  • Eduardo Barajas Pedrosa Configuracións seguras para despregue – Proxecto para a securización de distintos servizos amplamente utilizados en servidores, automatización da configuración segura dos mesmos mediante Ansible, e automatización do despregue mediante Docker.
  • Bruno Cabado LousaMedición de distancias oftalmolóxicas – Aplicación capaz de automatizar as medicións da distancia entre córnea e lente de contacto para facilitar o proceso de adaptación ás mesmas.
  • Paulo Baña GarcíaContorna de simulación robo-evolutiva – Este proxecto xurde da necesidade dun simulador para robótica que conte cun motor de físicas básico pero versátil, unha libraría gráfica para observar o comportamento dos robots, modificar a velocidade de simulación e analizar os datos obtidos.

Xurado

O xurado estivo composto por Nieves Pedreira Souto en representación da Universidade da Coruña; José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de Compostela; Francisco Javier Rodríguez Martínez en representación da Universidade de Vigo; Javier Vila Besada en representación da Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL; Rubén Arenas Hernán en representación da Amtega e Mar Castro Pereiro en representación da Oficina de Software Libre da Amtega.

Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre

O CIXUG convoca este importante premio no marco do convenio de colaboración con AMTEGA dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre.

A colaboración do GPUL neste premio forma parte tamén das actividades realizadas ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This