O pasado sábado 16 de novembro, a Asociación Cultural Os Penoucos presentou “obaixoulla.gal”, catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga.

Todos eles documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres.


obaixoulla.gal é a cuarta entrega dun traballo que a Asociación Comunidade O Zulo comenzou no ano 2014 en Mugardos, publicando aculturadaauga.org, continuando en Melide con abeancos.gal, e en Combarro con palleira.gal.


A Asociación Cultural Os Penoucos nace no 2006, froito das inquedanzas dun grupo de persoas do Baixo Ulla. Buscan o fomento da lingua e cultura galega, realizando actividades culturais, artísticas e medioambientais.

Asociación Comunidade O Zulo é un grupo de persoas que desde Mugardos colaboran a través da rede para impulsar o software e a cultura libre.

obaixoulla.gal


1845 Domingo Fontán [Carta Xeométrica de Galicia]

A Asociación Cultural Os Penoucos pretende recoller nun mapa a totalidade do patrimonio cultural, natural e paisaxístico do territorio polo que discorre o río Ulla no seu treito baixo. Na actualidade están catalogados elementos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga.

Proxecto colaborativo

Este é un proxecto colaborativo no que todas e todos podemos incorporar os diferentes elementos a este mapa e así comprender, reflexionar e sinalar aspectos da nosa realidade cotián, histórica e colectiva, contribuíndo a poñer ao alcance de todas e todos o patrimonio.


Calquera que o desexe pode enviar a súa aportación, sexan comentarios, suxestións, textos, fotos… usando o formulario de contacto da páxina web do proxecto.

Este proxecto, aspira a seguir medrando co traballo voluntario e desinteresado das persoas.

Trátase dun catálogo dixital aberto, no que o acceso aos datos non está restrinxido unicamente á súa visualización na web.

Acceso aos datos

O acceso aos datos en distintos formatos é libre e gratuíto.

Un dos obxectivos do proxecto é lograr a publicación da maior cantidade posible de datos, empregando formatos estruturados, preferiblemente non propietarios e procesables de forma automática.

Os datos do proxecto están publicados nestes formatos que se poden descargar desde esta web:

Documentos estáticos
– CSV

Documentos dinámicos
– RESTful
– XML
– JSON

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This