O próximo 28 de novembro, terá lugar un curso de “IIniciación ao deseño con Inkscape ” no CDTIC de Santiago de Compostela.


Autoría imaxe: About 0.92 1[1] por artelnjeru01 CC-BY-SA

Con Inkscape poderás crear e editar diagramas, liñas, gráficos, logotipos e ilustracións complexas. Con esta aplicación poderemos obter creacións coas que transmitir información gráfica de forma máis dinámica, viva e imaxinativa.

Inkscape

Inkscape é un editor libre de gráficos vectoriais con características profesionais e multiplataforma (dispoñible para GNU/Linux, Windows e Mac OS).

Os gráficos vectoriais son imaxes que están definidas mediante figuras xeométricas descritas por funcións matemáticas, polo que nos permiten redimensionar as imaxes sen perder calidade.

O formato principal que utiliza o programa é Scalable Vector Graphics (SVG), pero desde a ferramenta podemos exportar e importar varios formatos de arquivo, incluíndo SVG, AI, EPS, PDF, PS e PNG.

Ten funcionalidades moi fáciles de comprender, unha interface sinxela, soporte para varios idiomas, está deseñado para ser extensible, ademais, os usuarios poden personalizar as funcionalidades de Inkscape coas súas múltiples extensións.


Inkscape ten as ferramentas típicas dun programa de debuxo, así como o a posibilidade de traballar con capas.

As últimas versións inclúen unha interface de usuario actualizada, presenta unha mellor compatibilidade con pantallas 4K/HiDPI e agora ten compatibilidade con temas.

Inkscape é unha das ferramentas libres de edición de imaxes máis empregadas.

O proxecto de Inkscape ten unha comunidade de usuarios internacional en constante crecemento e existen moitos materiais de aprendizaxe. A axuda e o soporte son proporcionados pola propia comunidade.

Horario

De 16:00h a 18:30h

Localidade

CDTIC
Rúa de Airas Nunes, s/n-Conxo
15703 Santiago de Compostela (A Coruña)


Ollar un mapa máis grande

Público obxectivo

Inkscape é usado por deseñadores profesionais (en empresas de publicidade ou imaxe corporativa, enxeñería/CAD, gráficos web ou deseño de cómics) e afeccionados de todo o mundo para crear unha gran variedade de gráficos como ilustracións, iconas, logos,  diagramas, mapas e deseños web, polo que este curso está dirixido a calquera perfil de persoa interesada en mellorar os seus deseños.

Inscrición

O aforo é limitado, pódese facer a inscrición a través da web do CDTIC.

Programa

– Conceptos teóricos sobre o deseño vectorial
– Traballando con Inkscape
– Deseños básicos
– Creación de figuras
– Imaxes
– Recortes
– Edición das figuras
– Textos
– Prácticas
– Deseños avanzados
– Curvas Bézier
– Nodos
– Capas
– Transformacións
– Prácticas
– Exportacións dos traballos
– Tipos de licenzas para publicar e usar deseños e imaxes
– Creative Commons

Autoría imaxe: Moonlight Views por Yoann Lim

Imparte

Jorge Lama, membro do equipo da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega. Formador especializado en diferentes ferramentas de software libre, fotógrafo, videógrafo e divulgador da cultura libre a través de asociacións como Melisa, Bricolabs e proxectos como Xeración Ñu.

Recomendacións para asistir ao curso

Recomendamos aos asistentes dos cursos de Inkscape que traian os seus propios ordenadores portátiles para seguir o curso e poder facer as prácticas propostas durante as clases.

Aquelas persoas que non dispoñan dun portátil propio, poderán seguir o curso empregando os ordenadores da sala no CDTIC, tendo en conta que son equipos con pouca potencia para levar a cabo tarefas de retoque fotográfico e deseño.

Ademais do ordenador, é aconsellable traer un rato e alfombrilla para el, debido a que o touchpad dos portátiles non é unha boa alternativa para traballar en programas de retoque fotográfico e deseño.

Tamén recomendamos traer instalados os programas que se van ver durante o curso.
Deixamos aquí as instrucións de instalación:

Instalación de Inkscape
Descargar a aplicación desde a web oficial do proxecto para a nosa plataforma (Windows, Mac ou Linux):
https://inkscape.org/es/release/inkscape-0.92.4/

Unha vez descargado o instalador no noso equipo, facer doble clic encima de el e seguir as instrucións que nos aparecen na pantalla.

Organiza

Amtega

Se queres aprender máis sobre outras ferramentas para poder traballar con imaxes, podes seguir a serie de Artigos TIC especializados que estamos a publicar estes meses en Mancomún.

Máis información na web do CDTIC.

Pin It on Pinterest

Share This