Ferramentas multimedia: Solucións para imaxes

Mércores, 3 Abril 2019

Hoxe estreamos unha serie de artigos tecnolóxicos na que nos que vamos a centrar en diversas ferramentas para traballos multimedia.

A priori as ferramentas multimedia poden parecernos que son moi específicas e que só se empregan por empresas ou por profesionais do mundo audiovisual, pero na realidade existen unha morea de casos de uso onde nos pode axudar ter algunha destas ferramentas a man. Quen non editou nunca unha foto ou imaxe? Quen non pensou que a explicación de calquera tema se podía realizar mellor mediante un pequeno vídeo? Quen non se dixo a si mesma que certa idea queda máis clara con un diagrama explicativo?
Dende mancomún decidimos iniciar unha serie de artigos tecnolóxicos dando a coñecer diversas solucións para os traballos multimedia.

Durante este artigo vamos centrarnos dun xeito superficial no software libre de edición e creación de imaxes, debuxos, retoques de fotografía e demais solucións relacionadas coas imaxes e o retoque gráfico, dando a coñecer as distintas ferramentas que existen, posteriormente profundarase mediante artigos monográficos nalgunhas destas ferramentas.

Debuxo e manipulación sinxela

Existen múltiplos programas de creación e edición de debuxos sinxelos e simples que poden chegar a cubrir a maior parte de casos de uso básicos relacionados con imaxes. Dende Mancomún destacamos LazPaint e Kolourpaint. Ambas teñen como público todos aqueles usuarios que necesiten facer pequenos e simple retoques en fotos, imaxes ou debuxos que non teñan moita complexidade.

Kolourpaint

Kolourpaint

Captura de Kolourpaint

Kolourpaint é o clon de paint dentro do proxecto KDE e integrado no escritorio Plasma formando parte das KDE Applications, ten unha interface moi sinxela e é un programa que nos permite pintar e debuxar diagramas, manipular imaxes e iconas con ou sen transparencias. Kolourpaint conta con diversas ferramentas para pintar, entre as que se atopan brochas, pinceis, varias formas xeométricas, texto… Os formatos soportados por esta aplicación son varios entre os que destacan PNG, JPEG, BMP, TIFF ou ICO. Como forma parte do proxecto KDE a maior parte das cadeas de texto que conforman a interface da aplicación están traducidas tanto ao galego coma ao castelán.

LazPaint

Lazpaint

Captura de Lazpaint

LazPaint é un editor de imaxes simple, que comezou a desenvolverse para demostrar e probar a biblioteca de procesamento de imaxes BGRABitmap. Trátase dunha aplicación multiplataforma contando con versións para Windows, GNU/Linux e Mac OS. Con esta solución poden editarse imaxes con capas empregando diversas ferramentas como o pincel, tampón de clonado, o selector de cor, formas xeográficas predefinidas… A parte do formato propio de LazPaint, tamén son soportados outros formatos típicos como PNG, BMP, JPEG ou TIFF.

Debuxo e manipulación profesional

Tanto LazPaint como Kolourpaint están deseñados para a manipulación máis ou menos sinxela e básica de imaxes de bits tamén coñecidos como mapas de bits ou rasters, se as necesidades creativas son maiores ou se precisa traballar con imaxes vectoriais existen outro tipo de programas que contan con algunhas funcionalidades máis avanzadas como poden ser Krita, Inkscape e Gimp.

Krita

Krita

Captura de Krita (Imaxe orixinal de Wikimedia)

Krita é un software multiplataforma enfocado na pintura dixital e ilustración. Trátase dun proxecto da comunidade KDE que comezou o desenvolvemento para poder ter un editor que empregase as bibliotecas QT contando así cunha mellor integración no escritorio KDE, a idea orixinal dos primeiros tempos de Krita era ser un editor xenérico, pero pouco a pouco foron centrándose cara a creación artística, isto é tan importante para o proxecto que hai varios artistas participando no proceso de desenvolvemento para ter en conta as inquedanzas e as necesidades do sector.

Dende uns anos atrás esta aplicación comezou a ter unha comunidade importante e no ano 2013 crearon unha fundación para axudar así no desenvolvemento e xestión do proxecto que conta con máis de 250 contribuidores. A día de hoxe Krita conta con unha popularidade bastante importante, tanto que durante o ano 2018 a aplicación foi descargada máis de 2 millóns de veces dende a súa páxina web, dende a cal tamén se pode ver unha mostra dos debuxos que se poden chegar a crear empregando esta ferramenta.

Krita está liberado baixo GPL v3 e entre as funcionalidades máis destacadas atópanse unha interface de usuario intuitiva co foco posto na experiencia do usuario contando un unha paleta de cores e pinceis doada de usar e facilmente accesible mediante un popup, estabilizador de pinceladas evitando así que o tremer do pulso poida estragar un debuxo, soporte de capas e enmascaramento das mesmas e conta coa posibilidade de traballar en diversos formatos de imaxe.

Inkscape

Inkscape

Captura de Inkscape

Inkscape é un editor libre de gráficos vectoriais con características profesionais e multiplataforma. Os gráficos vectoriais son imaxes que están definidas mediante figuras xeométricas descritas por funcións matemáticas en lugar de ser definidas pixel a pixel, polo que nos permiten redimensionar unha imaxe sen perder calidade no resultado final.
Inkscape é un proxecto liberado baixo GPL que foi iniciado no 2003 e que ten como formato de ficheiros principal o SVG (Scalable Vector Graphics) aínda que tamén conta co soporte para o uso doutros formato típicos, conta coas ferramentas típicas dun programa de debuxo así como o soporte de traballo con capas.

Inkscape é unha das ferramentas libres de edición de imaxes máis empregadas, motivo polo que en próximos artigos se realizará unha descrición máis completa sobre a mesma.

Gimp

Gimp

Captura de Gimp

GNU Image Manipulacion Program, máis coñecido polas súas siglas GIMP é o programa de manipulación de imaxes de GNU, este software foi iniciado en 1996 e conta con versións para GNU/Linux, Windows, Mac OS e BSD. Debido á súa veteranía é un proxecto estable e consolidado liberado baixo licenza GPL e trátase dunha ferramenta mediante a cal se poden realizar tarefas de manipulación de imaxes de todo tipo como poden ser a creación de imaxes, composición ou retoque, ademais, GIMP é ampliable mediante extensión. A aplicación dispón de unha morea de ferramentas e filtros mediante as que se poden realizar traballos profesionais. A miúdo presentase esta ferramenta como a alternativa libre ao famoso Photoshop.

Como Gimp é un dos programas máis empregados á hora de realizar tarefas de manipulación de imaxes, en próximos artigos falarase máis en detalle sobre esta ferramenta.

Revelado dixital

Á hora de operar con cámaras fotográficas, existen dous xeitos de traballar, pódese usar o formato en cru, tamén coñecido como RAW, da propia cámara ou pódese traballar xa con un formato propiamente de imaxe como por exemplo o JPEG. Traballar directamente co formato JPEG é máis rápido e sinxelo, pero estaríase a perder información de cada toma fotográfica. Á hora de manipular ou mesmo visualizar as fotografías en formato cru necesítase un software especial para realizar o revelado dixital que sexa capaz de interpretar o mentado formato e exportalo ao formato de imaxe desexado.

RawTherapee

Rawtherapee

Captura de Rawtherapee

RawTherapee é un software de procesado de imaxes en cru liberado baixo a GPLv3 que conta con versións para Windows, Mac OS e GNU/Linux. Con esta aplicación permítese realizar a edición de imaxes sen destruír a información orixinal utilizando diversos filtros e ferramentas mediante as que se poden realizar os axustes pertinentes para realizar as correccións típicas do revelado dixital sen perder información algunha. A medida que se van realizando os axustes pódese ir vendo o resultado final que quedaría e cando se obteña o resultado desexado, pódese exportar nos formatos TIFF, JPEG e PNG tanto en 8 como en 16 bits.

Darktable

Darktable

Captura de Darktable

Darktable é unha ferramenta libre e multiplataforma de revelado dixital. Está liberada baixo GPLv3 e mediante ela pódese xestionar a colección de fotografías en cru, realizar axustes e retoques para o revelado dixital das mesmas sempre sen destruír información das propias fotografías como por exemplo a corrección de cor, ton e outras moitas operacións de corrección que mesmo poden ser automatizadas.

Visores e organización de coleccións

Existen outro tipo de ferramentas libres que poden resultar útiles nos traballos coas imaxes como os organizadores de coleccións e visores de imaxes, se ben son características que poden están incluídas en moitos outros programas incluídos os mencionados ata o momento, poden ser interesante contar con ferramentas especificas para estas tarefas xa que nos poden aportar algunha funcionalidade adicional. Dentro deste tipo de ferramentas destacamos digiKam, gThumb e Gwenview.

digiKam

Digikam

Captura de Digikam

O software digiKam forma parte do proxecto KDE e trátase dun xestor de colección de fotografías avanzado que conta con funcionalidades que van máis aló e non só permiten ordenar, catalogar e incluír metainformación diversa nas imaxes, senón que tamén permite realizar axustes de edición nas imaxes e incluso realizar a importación de fotografías RAW sen saír da aplicación.

gThumb

gThumb

Captura de gThumb

Outra solución que nos permite organizar as coleccións fotográficas, visualizar e navegar por elas é a aplicación do proxecto GNOME gthumb liberada como GPL. En realidade trátase dun visor de imaxes que tamén conta con funcionalidades adicionais que nos permiten realizar edicións nas imaxes así como categorizalas, visualizar e agregar metainformación.

Gwenview

Gwenview

Captura de Gwenview

Por último, Gwenview é o visor de imaxes do proxecto KDE que tamén permite realizar algunha manipulación básica das imaxes como rotación ou redimensión e permite extenderse mediante plugins.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal