Novas

Durante o último mes publicáronse 4 novas pílulas formativas sobre ferramentas libres que axudan no traballo en remoto, dúas delas sobre a solución de colaboración NextCloud, apuntando diversos aspectos da ferramenta, unha sobre como ter reunións e conferencias e outra sobre como se poden aumentar as funcionalidades de NextCloud. As outras dúas foron sobre a plataforma de aprendizaxe en liña BigBlueButton e sobre comunicación de alta calidade con Mumble.

Dende o portal de Mancomún tamén se publicaron outros contidos propios como o Mancomún Podcast que neste mes tivo 2 entregas, unha sobre hardware libre e robótica educativa con Tucho Méndez e Caligari e outra sobre a difusión do software libre e a organización de eventos arredor da comunidade libre. Tamén se fixo eco da publicación baixo licenza libre contidos publicados pola AMTEGA con recomendacións fronte a COVID-19.

No portal tamén se destacaron algúns eventos que terán lugar no ciberespazo, como poden ser a Open Source Summit e Embedded Linux Conference que se celebra de forma conxunta, a conferencia global arredor de Drupal (DrupalCon) e a conferencia "State of the Map 2020" da comunidade de Open Street Map, ámbalas tres en xullo e xa en setembro terá lugar a Akademy 2020, da que se fixo eco da apertura do rexistro.

Durante este mes tamén houbo outras novidades relacionadas co mundo do software libre que dende Mancomún se destacaron como pode ser a certificación de computadoras para o uso de GNU/Linux do fabricante Lenovo. Aparece unha alternativa libre a Visual Studio Code, pero sen Microsoft chamada VSCodium, tamén se liberou unha nova versión do software 3D Blender, que será unha versión con soporte duradeiro (LTS). Outra nova relaciona co soporte estendido no tempo é a referente ao núcleo de Linux, do cal as versións 4.19 e 5.4 terán un soporte de polo menos 6 anos. No ámbito europeo temos varios exemplos de compromiso co software libre por parte de diversas administracións holandesas, tanto a nivel estatal como a nivel máis local e tamén por parte do goberno local de Hamburgo. Por último, pero non menos importante, a Amtega abriu o prazo de inscrición no curso para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, coñecido como CODIX.


Proxecto destacado

Logo de Docker Container Engine Docker, ou máis concretamente Docker Engine, é unha tecnoloxía de virtualización que permite crear, executar, probar, implementar e distribuír software mediante paquetes chamados contedores (do inglés containers). Os contedores están illados do resto do software podendo comunicarse mediante ben definidas e configuradas tratándose de algo similar a unha máquina virtual pero máis lixeira e consumindo menos recursos.

Entre os seus casos de uso podemos destacar sobre todo en actividades relacionadas coas prácticas como DevOps, a integración continua e entrega de aplicacións, a creación de paquete de datos portátiles para o seu procesamento, a creación de contedores de aplicacións para o seu despregue como servizos manténdoos separados para maior seguridade...

Arredor do proxecto Docker existe un ecosistema e unha comunidade moi grande debido á súa popularidade e co nome de Docker Inc. tamén se coñece a empresa encargada do desenvolvemento do proxecto e que ofrece outros servizos e produtos sobre ela como pode ser o Docker Hub ou Docker Desktop así como formación.

Pin It on Pinterest

Share This