Lenovo certifica computadoras para GNU/Linux

Luns, 8 Xuño 2020

A empresa Lenovo ven de anunciar a Certificación de Linux para as súas computadoras ThinkPad e ThinkStation, enfocadas para un uso profesional. Algún dos detalles a destacar desta certificación é a validación do uso de Ubuntu LTS e de Red Hat Enterprise Linux no catálogo completo dos modelos ThinkStation e ThinkPad serie P contando así co soporte completo dos modelos para estas distribucións. Ademais deste importante detalle, dende Lenovo tamén anunciaron que colaborarán co desenvolvemento do núcleo de Linux aportando os controladores de dispositivos, tamén coñecidos polo seu nome en inglés device drives.

Este é un paso que volve traer estas gamas de computadoras de Lenovo ao interese polo software libre, polo menos para garantir por parte do fabricante que todo o hardware que traen esas máquinas se comportará adecuadamente en sistemas GNU/Linux, tendo así unha compatibilidade completa.

Pese que ate o momento estes equipos non contaban coa certificación, en liñas xerais, eran compatibles co sistema operativo libre. De feito, o mes pasado dende Mancomún deuse difusión á nova de que Lenovo ía vender algúns ThinkPad coa distribución Fedora instalada de fábrica, polo tanto, parece que aquela nova non foi un caso illado e que Lenovo tenderá a man a GNU/Linux a partir de agora para contar con unha mellor experiencia de uso para todas aquelas persoas que queiran contar co sistema operativo do pingüín nas súas máquinas.

Fonte da nova e da imaxe: Nova da páxina de Lenovo.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal