Novas

No portal de Mancomún publicouse unha nova serie de artigos multimedia, neste caso sobre solucións para traballar con vídeo, tamén se deu difusión á entrega do Premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre e á publicación de QGIS 3.10 co nome de A Coruña debido a que en marzo se celebrou nesta cidade a conferencia de usuarios e desenvolvendores do proxecto.

Outras novidades no mundo do software libre son o lanzamento da primeira versión estable do navegador Brave, coñecido por ofrecer ferramentas para protexer a privacidades dos usuarios e a acollida do proxecto KernelCI por parte da Fundación Linux para a súa protección. Tamén destacamos a posibilidade de reservar o teléfono que permite instalar GNU/Linux PinePhone.

No referente á comunidade galega de software libre, destacamos a celebración de varios eventos como son a "I Xornada de Cociña Libre" en Mugardos e unha nova sesión de GPUL School na Coruña, nesta ocasión sobre IoT e Raspberry Pi, así como a presentación que tivo lugar a mediados de novembro do catálogo dixital aberto "obaixoulla.gal".


Proxecto destacado

logo Suricata Suricata é un proxecto comunitario de software libre que proporciona unha solución de monitorización de rede con características de detección de ameazas de seguridade en tempo real (IDS) e prevención de intrusión (IPS), así como procesamento de paquetes capturados con pcap offline.

Suricata inspecciona o tráfico de rede empregando unha serie de regras que se poden configurar e incluso se poden programar scripts coa linguaxe Lua para detectar ameazas máis complexas. Tamén se pode integrar con outras ferramentas como Kibana, Elasticsearch, Splunk... Está programada principalmente nas linguaxes C e Rust e baixo a licenza GPL versión 2. Trátase dun proxecto mantido e xestionado pola entidade sen ánimo de lucro OISF (Open Information Security Foundation), pero con vontade comunitaria, onde participan desenvolvedores tanto de xeito individual como por parte das empresas que ofrecen servizos con Suricata.


Ligazóns de interese

Pin It on Pinterest

Share This