Dende o 15 de novembro pódese reservar o teléfono intelixente PinePhone da empresa PINE64. Este modelo de teléfono ten entre os seus obxectivos proporcionar a usuarios finais un dispositivo móbil no cal se poida executar un sistema operativo libre baseado en GNU/Linux, como pode ser postmarketOS, pero con liberdade para escollelo. Mediante este produto tamén pretende axudar a proxectos do ecosistema de GNU/Linux para móbiles colaborando en diversos aspectos do desenvolvemento cos mesmos.

PinePhone

De momento a versión que se pode reservar, co nome en clave “Brave Heart“, trátase dunha versión enfocada a desenvolvedores ou a “Early Adopters” para que proben este dispositivo e contribuír a pulir o modelo para a súa posterior venda aos clientes final. De feito, PINE64 enviará o hardware sen o sistema operativo instalado e serán os usuarios quen o instalen.

O dispositivo, trátase dun teléfono móbil capaz de executar aplicacións de escritorio para GNU/Linux como poden ser Gimp, LibreOffice como se pode ver neste vídeo demostrativo e que ten como características máis destacadas:

  • Procesador de 64 bits ARM Allwinner con 4 núcleos
  • 2GB de memoria RAM
  • Pantalla IPS de 5,95 polgadas resolución 1440×720
  • 16 GB de almacenamento
  • Soporte para tarxeta microSD
  • USB tipo C
  • LTE 4G
  • Wifi N (802.11n)
  • Bluetooth 4.0

Hai que destacar que pode que as características muden logo deste primeiro contacto con usuarios grazas ás posibles suxestións e queixas que formulen os “early adopters” e poder ter un modelo listo para o usuario final no ano 2020.

Pódese atopar máis información sobre o teléfono móbil na súa páxina web.

Pin It on Pinterest

Share This