KernelCI pasa a estar baixo a Fundación Linux

Luns, 4 Novembro 2019

A Fundación Linux tomou un novo proxecto baixo a súa protección: KernelCI.

KernelCI


É un sistema de automatización de probas distribuído de código aberto centrado no desenvolvemento do núcleo de Linux.

kernelci.org ata o de agora estaba a construír a maioría das configuracións do kernel de ARM, ARM64, X86 e MIPS.

KernelCI.org constrúe moitas árbores de núcleo automaticamente, arríncaos nunha ampla gama de dispositivos e executa plans de proba para uns poucos subsistemas. Os resultados comunícanse a través das listas de correo e do propio sitio web.


KernelCI pasa a ser un proxecto baixo a Fundación Linux debido a que o desenvolvemento do  Kernel centrábase en kernel.org, mentres que as probas déixanse aos esforzos dos desenvolvedores e proxectos individuais.

Parte do problema é como se fan os parches coas listas de correo de Linux.

Russell Currey,  desenvolvedor do kernel Linux, explicou fai pouco:

“A diferenza dun proxecto baseado unicamente en GitHub ou GitLab, onde unha solicitude de extracción contén toda a información necesaria para fusionar un grupo de cambios; un correo electrónico que contén, digamos, o parche 7/10, non ten ese contexto. É case imposible saber por unha mensaxe de correo electrónico que che informa se unha serie de parches foron fusionados, rexeitados ou substituídos. En xeral, as listas de correo simplemente non teñen o mesmo nivel de metadatos que os sitios de aloxamento de proxectos contemporáneos e isto fai que o problema de integración continua sexa aínda máis difícil.”

Jim Zemlin, director da Fundación, comentou:

“A miúdo digo o ben que me sinto con respecto ao sistema Linux, pero debo admitir que podemos mellorar a forma en que probamos o núcleo. As probas foron durante moito tempo unha práctica  fragmentada e verticalizada. Esperamos aumentar a calidade, a estabilidade e o mantemento do noso sistema operativo“.

Os patrocinadores do proxecto KernelCI inclúen a BayLibre, Civil Infrastructure Platform, Collabora, Foundries.io, Google, Microsoft e Red Hat.

O novo proxecto garantirá o desenvolvemento a longo prazo, contando co apoio técnico e financeiro necesarios. KernelCI obterá acceso a moito máis hardware, ademais crearase unha estrutura permanente para a xestión do proxecto, facilitando as contribucións da Comunidade.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal