Novas

Durante este último mes, publicamos catro números do Podcast de Mancomún, falando sobre asociacións e grupos de software libre, sobre Enxeñería Sen Fronteiras e a migración realizada a software libre e as entrevistas a Alejo Pacin (gañador do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre do ano pasado) e a Andrés Diz da FSFE. Tamén en setembro publicamos unha nova entrega da serie de artigos sobre ferramentas multimeda, desta volta sobre Krita. En Mancomún tamén fixemos eco da entrevista realizada ao creador de FacturaScripts, Carlos García.

Dentro das novidades no mundo do software libre temos a conversión de Manjaro nunha empresa, a liberación da plataforma para aplicacións corporativas Jakarta EE 8, a posibilidade de usar o sistema de ficheiros exFAT en GNU/Linux.

En canto aos eventos que terán lugar en Galicia relacionados co software libre, destacamos unha sesión do CDTIC sobre GLPI, a solución na que centramos o boletín deste mes e tamén diversos obradoiros enmarcados na iniciativa de SmartPeme, como o de Fabricación Dixital en Barro, creación de tendas virtuais con Prestashop en Pontevedra, Woocommerce para vender por internet en Ponteareas, creación de páxina profesional con WordPress e outro sobre as extensións de Worpress ambos en Lalín.


Proxecto destacado

logo de GLPI GLPI é un sistema para a xestión de parque informático de software libre, o nome ven do francés (Gestionnaire Libre de Parc Informatique). Con esta solución é posible realizar a xestión e o inventario dos sistemas de información de toda unha empresa, dende computadoras, software, impresoras e demais hardware e tamén se pode manexar o centro de atención a usuarios, facilitando así a tarefa do persoal de administración de sistemas axudando a cumprir coas boas prácticas da ITIL.

O proxecto está programado na linguaxe PHP e baixo a licenza GPLv2, comezou no ano 2003 da man da asociación francesa INDEPNET como proxecto comunitario e a día de hoxe continúa o seu desenvolvemento activo en comunidade coa última versión 9.4 que está en máis de 40 linguas (incluídas o galego e o español) e contando con diversas características interesantes nestes sistemas como poden ser o despregue e instalación de software a distancia, xestión de incidencias, informes e estatísticas, xestión documental ou a posibilidade de ter unha base de coñecemento sobre problemas frecuentes.

Pin It on Pinterest

Share This