Manjaro preséntase como o sistema operativo baseado en GNU/Linux alternativo a Windows ou MacOS que comezou coma un pasatempo, pero construído profesionalmente.

Hai uns días no foro do proxecto, Philip Müller (un dos desenvolvedores principais), anunciou o seguinte paso para Manjaro: Converterse nunha empresa.

A decisión está motivada porque a dedicación ao proxecto por varios dos seus integrantes estaba a ser total e con ánimo de garantir a supervivencia do proxecto deseñaron o plan que pasaba por conformar unha empresa, podendo así varios dos membros do proxecto estar contratados por Manjaro GmbH & Co. KG, que é o nome da empresa que conta coa marca rexistrada tanto na Union Europea como en Estados Unidos.

Pese a ser un cambio transcendental, os membros do proxecto insisten en que non “cambiará nada”, que o proxecto Manjaro seguirá contando a ter un grande impulso comunitario, pero que terá unha empresa detrás que sacará proveito económico e que fornecerá ao proxecto os fondos necesarios para seguir adiante.

Manjaro

O proxecto Manjaro

Manjaro é unha das distribucións GNU/Linux de moda, a máis popular en 2018 según a clasificación de distrowatch. O proxecto iniciouse no ano 2011, pero non foi ata 2015 cando lanzaron a primeira versión o suficientemente madura para deixar de considerarse beta.

Está baseada en ArchLinux, pero a diferencia desta que é máis ben para usuarios expertos, Manjaro é unha distribución sinxela de instalar e usar, en parte grazas a que os seus desenvolvedores notaron esa carencia e programaron diversas ferramentas que axudan na instalación e configuración da mesma facendo posible a mesma para usuarios pouco experimentados.

Manjaro conta con distintas edicións dependendo do escritorio a usar: XFCE, KDE, GNOME e unha edición especial chamada Manjaro Architect que consta dun instalador especial mediante o cal se pode realizar unha instalación personalizada e escoller todos os parámetros de configuración.

Lanzamento Rolling Release

Outra das características destacadas de Manjaro é o tipo de lanzamento, trátase dun modelo baseado en rolling release, pero con dúas versións, a estable e a de desenvolvemento. A de desenvolvemento é unha versión onde se van publicando todas as versións dos paquetes segundo se publican as versións estables dos mesmos, os desenvolvedores de Manjaro e outros membros da comunidade proban estas novidades e en canto se proba a consistencia de toda a distribución no seu conxunto estas novas versións publícanse na versión estable. Deste xeito os usuarios da versión estable teñen as versións frescas de todo o software sen necesidade de agardar a lanzamentos nin realizar reinstalacións completas do sistema.

Pin It on Pinterest

Share This