|
Existe unha grande cantidade de casos de éxito de BigBlueButton en diversas contornas, aínda que debido ao seu enfoque, a maior parte deles son do sector educativo.
O caso que nos ocupa neste boletín é o da universidade francesa "Sorbonne Université". Trátase dunha universidade de París multidisciplinar que conta con máis de 50.000 estudantes e máis de 6.000 investigadores. Durante a crise do COVID-19, ao igual que moitas outras entidades educativas, viuse na obriga de cambiar as súas clases ao modelo en liña.
Para soportar as clases en liña masivas tiveron que fortalecer a súa infraestrutura, para tal propósito despregaron unha solución baseada en BBB e integrárona con Moodle. Algunha das súas facultades xa estaban a empregar a solución, pero non adoptaron a solución para a totalidade da universidade ata ese momento.
A integración da solución despregada e o seu mantemento fixérono en colaboración coas empresas Scaleway e Arawa. Dende a universidade destacan que grazas á implementación dunha solución baseada en BBB e aloxada en infraestrutura europea non só se aseguraron de cumprir cos requisitos da lexislación europea de protección de datos, senón que tamén apostaron por unha solución de software libre.
|
|
BigBlueButton, é unha solución que permite despregar unha plataforma de conferencias web que está especialmente deseñada para o mundo da aprendizaxe en liña, aínda que é aplicable a calquera tipo de conferencias.
A solución vai máis alén do que é unha conferencia e ten unha serie de ferramentas que amplían as funcionalidades. Algunhas destas ferramentas ou características adicionais son as enquisas incorporadas, que poden servir para realizar votacións en reunións; o chat, que permite a comunicación por escrito aos membros dunha conferencia, tanto de forma grupal e pública como de xeito privado; a posibilidade de compartir diapositivas sobre as que se poden sinalar, pintar, escribir e destacar partes, accións que tamén se poden utilizar a modo de encerado virtual; ademais da posibilidade de gravar a sesión para a súa posterior publicación.
A aplicación está liberada baixo os termos da LGPL-3.0 e está desenvolvida principalmente con JavaScript, Java e Scala cumprindo cos estándares HTML5 e WebRTC, conta ademais con integracións con varias solucións como poden ser Moodle, Sakai, Drupal, Chamilo, Redmine, WordPress...
Para o uso de BigBlueButton é necesario contar con unha instalación da plataforma en infraestrutura propia ou tamén se pode usar a aplicación como un servizo ofrecido por terceiros. Por parte do usuario o único necesario para empregar a aplicación é ter un navegador moderno e conectarse ao enderezo onde se atope aloxada a aplicación.
|