Concurso organizado por Wikimedia España, arrincou en maio co apoio do Organismo Autónomo de Parques Nacionais e EUROPARC España.

Lago del Valle en Somiedo. Imaxe de Miguel Martín Nieto con licenza CC-BY-SA via Wikimedia Commons

Wiki Loves Earth

Wiki Loves Earth é un concurso de fotografía que reúne a wikipedistas, amantes da fotografía e activistas ambientais desde 2015. Trátase de participar, entre o 1 e o 31 de maio, achegando imaxes de espazos naturais protexidos e facelo cunha licenza libre. Na versión española do concurso, pódense documentar todos aqueles espazos catalogados como Zonas Especiais de Conservación, pertencentes á Rede Natura 2000.

O obxectivo deste proxecto, organizado por decenas de organizacións Wikimedia e grupos de voluntariado en distintos países, é conseguir unha visión global e única do patrimonio natural do planeta Terra.

O patrimonio natural é unha parte moi importante do coñecemento que recolle e difunde Wikipedia. Ter imaxes libres é o primeiro paso para mellorar artigos sobre biodiversidade e natureza na enciclopedia libre. Achegar este tipo de coñecemento á cidadanía de maneira gratuíta serve para, ademais de ofrecer acceso a información de relevancia sobre a súa contorna, xerar conciencia sobre a preservación dos espazos naturais.

Como participar

Basta con abrir unha conta no repositorio multimedia libre Wikimedia Commons e subir as imaxes seguindo os pasos descritos na páxina do concurso.

Seleccionaranse 10 imaxes finalistas que pasarán á fase internacional do concurso. As galardoadas con primeiro, segundo e terceiro postos recibirán un premio e haberá un accésit para as finalistas que ocupen do cuarto ao décimo lugar na clasificación.

Sierras de Urbión y Cebollera. Imaxe de Agustín Sandoval con licenza CC-BY-SA via Wikimedia Commons

Espazos naturais para fotografar

Os espazos naturais sobre os que se esperan fotografías a concurso están dispoñibles na sección «listado» dentro da páxina do concurso. A listaxe inclúe información complementaria e un mapa por comunidade autónoma.

Premios

Outorgaranse 3 premios e 7 accésit. O primeiro premio consta dun pack de publicacións do Organismo Autónomo Parques Nacionais (OAPN) por valor de 350 € e o goce dunha actividade ou servizo ofrecido por algunha das empresas comprometidas coa Carta Europea de Turismo Sostible para gozar dos espazos protexidos nos que operan.

O segundo premio componse dun pack de publicacións do OAPN por valor de 200 € e un vale de compra de material fotográfico por valor de 100 €. Pola súa banda, o terceiro premio consta dun pack de publicacións do OAPN por valor de 100 €. En canto ao resto de finalistas, entre o 4.º e o 10.º posto, recibirán un pack de publicacións do OAPN por valor de 50 €.

As fotografías finalistas na edición española de 2020 pódense consultar aquí.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This