Foi lanzada a versión 6 de EpiLinux, distribución de GNU/Linux de libre distribución, especialmente orientada á utilización de ferramentas de análise de datos para a realización de estudos epidemiolóxicos, bioestatísticos e de saúde en xeral.
Dous dos retos actuais, en canto á utilización de software como base para a realización de estudos científicos, son a posibilidade de acceso ao código fonte para poder reutilizalo, modificalo ou distribuílo e a redución de custos por licenza de uso. Por desgraza, a maioría de solucións privativas non contemplan estes aspectos: adoitan ser solucións de código pechado, con custos elevados nas súas licenzas e estas, nalgúns casos, ata teñen limitacións temporais.
EpiLinux
EpiLinux está orientado a todas aquelas persoas, tanto profesionais como estudantes, que desenvolvan as súas actividades nos campos da epidemioloxía, a bioestatística e os estudos de saúde en xeral.
Ademais de ferramentas xenéricas como navegadores, xestores de correo, ferramentas ofimáticas, tamén inclúe ferramentas específicas como son: R coas súas contornas gráficas Rcommander e Rstudio, librerías especializadas, Epidat 4, OpenEpi e QGIS.
EpiLinux pode executar en modo live desde unha memoria USB, nunha máquina virtual ou instalándoa nun equipo. Outra opción é usar a recompilación de ferramentas preparadas para Windows chamada BioStatFloss, que contén as mesmas ferramentas que EpiLinux.
Se queres saber máis sobre BioStatFLOSS e o seu creador, podes escoitar a entrevista que fixemos recentemente en Mancomún Podcast a Miguel Muíños:
A nova versión de EpiLinux permite dispoñer, nun contorno totalmente configurado, actualizado, homoxéneo, de libre distribución e gratuito, das ferramentas necesarias para a realización de estudos epidemiolóxicos e/ou bioestatísticos.