Se necesitas aprender sobre a elaboración de documentos dixitais, crear deseños atractivos, maquetar contidos de forma profesional ou aprender a usar ferramentas libres para o cálculo numérico e a análise estatística, podes facelo a través dos contidos que estamos liberando.

Trátase do material formativo de 5 cursos de teleformación sobre diferentes materias que publicamos con licenza libre e en formatos abertos para que calquera poida acceder a eles e utilizalos libremente a través dun gran número de dispositivos dixitais (ordenadores, smartphones, tabletas dixitais, etc) así como reutilizalos para crear novos materiais ou realizar cursos de formación.

Estes cursos foron elaborados durante os pasados anos polo Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria (CIXUG) para a impartición de cursos de teleformación para o ámbito universitario. Os materiais poden atoparse agora no Repositorio documental de Mancomún.

 

Trucos e boas prácticas na elaboración de documentos dixitais

LibreOffice logos

Busca dotar aos alumnos dos coñecementos necesarios á hora de traballar e crear documentos ofimáticos enriquecidos para un entorno académico/universitario/profesional, e así conseguir elaborar documentos de calidade, con resultados profesionais, seguros, perdurables e de fácil modificación.

Centrarase, sobre todo, no procesador de textos Writer de LibreOffice, suite ofimática libre desenvolvida por The Document Foundation.

Writer

Temario do curso:

  • Opcións para LibreOffice
  • Opcións para Cargar/Gardar documentos
  • Configuración de idioma
  • Opcións de Internet
  • Autocorrección
  • Atallos de teclado
  • Menús
  • Barras de ferramentas
  • Xestor de extensións
  • Activar/desactivar extensións
  • Coleccións de extensións

Accede ao curso Trucos e boas prácticas na elaboración de documentos dixitais.

 

Creación de infografías e deseños vectoriais

Inkscape

Curso para a elaboración de infografías e outros deseños vectoriais, traballarase principalmente coa aplicación Inkscape, editor de gráficos vectoriais libre, con el pódense crear e editar diagramas, liñas, gráficos, logotipos, e ilustracións complexas. O formato principal que utiliza o programa é Scalable Vector Graphics (SVG).

A infografía aplícase principalmente en revistas, documentos, xornais, folletos, páxinas da internet, educación, libros, etc. O propósito é que os gráficos chamen a atención de quen os visualiza polas cores, imaxes ou deseños.

Inkscape

Temario do curso:

  • Obtención de recursos gráficos legais
  • Manexo básico de obxectos
  • Textos e caligrafía
  • Recheos, gradientes e trazos
  • Camiños e figuras
  • Manexo de nodos
  • Vectorización
  • Trucos e consellos para un ilustrador

Accede ao curso Creación de infografías e deseños vectoriais.

 

Iniciación a GNU Octave

GNU Octave

Dirixido a formar tanto ao persoal que habitualmente traballa con software de cálculo numérico privativo, como aos non iniciados no campo do cálculo numérico e no manexo de GNU Octave, software libre de referencia neste tipo de estudos e considerado o equivalente libre de Matlab.

Ten un intérprete da súa propia linguaxe que permite a execución interactiva ou por lotes, a súa linguaxe tamén pode ser ampliada con funcións e procedementos, por medio de módulos dinámicos, e utiliza outros programas para ofrecer ao usuario a posibilidade de crear gráficos.

GNU Octave

Temario do curso:

  • Comezando con Octave
  • Tipos e estruturas de datos
  • Programación
  • Gráficos
  • Complementos e Librerías
  • Octave avanzado

Accede ao curso Iniciación a GNU Octave.

 

Publicacións dixitais profesionais: deseño, autoedición, maquetación e diagramación con Scribus

Scribus

Scribus, software específico para a autoedición e maquetación que facilita e automatiza a composición, deseño e diagramación de páxinas. Aplicación multiplataforma de fontes abertas, compatible con Linux, Mac OS e Windows.

Facer publicacións dixitais profesionais hoxe en día, é unha tarefa sinxela sempre que se conte cunha ferramenta de autoedición axeitada. Scribus fai posible a creación dunha gran variedade de documentos e formularios, así como a impresión en diferentes formatos, tanto para a publicación a gran escala, como para a distribución a menor escala.

Scribus

Temario do curso:

  • Introdución ao uso de Scribus
  • Creación de documentos sinxelos
  • Maquetacións e configuracións avanzadas
  • Xestión da cor
  • Impresión e exportación

Accede ao curso Publicacións dixitais profesionais: deseño, autoedición, maquetación e diagramación con Scribus.

Introdución á análise estatística con R Commander

R Commander

Dirixido a formar tanto ao persoal que habitualmente traballa con software estatístico privativo, como aos non iniciados no campo dos estudos estatísticos, no manexo de R no seu ámbito gráfico.

R é un software multiplataforma, orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos. Actualmente considérase a lingua franca do analista de datos e estase a utilizar en numerosos campos relacionados, dun ou doutro xeito, coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, big data, bioloxía, …). R ten unha dobre natureza de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.

R Commander é un paquete de R que proporciona unha Interface Gráfica de Usuario para traballar de forma máis cómoda e amigable coa linguaxe R.

R Commander

Temario do curso:

  • Comezando con R
  • Instalación
  • Instalación de paquetes
  • Manexo de datos
  • Creación de gráficos
  • Estatística descritiva
  • Distribucións de probabilidade
  • Inferencia
  • Regresión lineal simple
  • Engadidos no RCommander

Accede ao curso Introdución á análise estatística con R Commander.

O material dos cursos está dispoñible en formatos abertos

Todos os cursos están dispoñibles non seguintes formatos abertos:

  • Pdf, facilita a visualización en multitude de dispositivos diferentes (ordenador, smartphone, tablet, libro electrónico).
  • Elp, formato para empregar a ferramenta de edición de contidos exeLearning o que permite que calquera poida modificar ou completar facilmente o curso para adaptalo ás súas necesidades sempre que cumpra adecuadamente coa licenza.
  • HTML, facilita a visualización a través de calquera navegador.
  • SCORM, conxunto de obxectos de aprendizaxe empaquetados e estruturados como material web de forma pedagóxica baixo un estándar libre que permite importar, reutilizar e compartir contidos.

CIXUG

Os curso están tamén dispoñibles para a súa visualización e seguimento, con acceso de conta de convidado, na Aula virtual da Oficina de Software Libre do CIXUG.

 

Licenza

CC BY_SA

Estes materiais publícanse baixo licenza Creative Commons Recoñecemento-Compartir igual 4.0.
Isto permite que os contidos poidan ser empregados pola cidadanía para calquera uso, tanto a adquisición de coñecementos sobre esta ferramenta de deseño gráfico con licenza libre como a realización de cursos de formación con este material, sempre que se mencione a autoría da obra orixinal e se comparta coa mesma licenza.

Autoría

A posta en marcha destes cursos encádranse dentro das actividades que o Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria (CIXUG) desenvolveu no eido do fomento do uso e divulgación do Software Libre no ámbito universitario en Galicia, apoiando a concreción das accións definidas dentro do “Plan de acción de Software Libre” da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Pin It on Pinterest

Share This