Introdución á análise estatística con R Commander

R é un software multiplataforma, orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos. Actualmente considérase a lingua franca do analista de datos e estase a utilizar en numerosos campos relacionados, dun ou doutro xeito, coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, big data, bioloxía, …). R ten unha dobre natureza de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.

R Commander é un paquete de R que proporciona unha Interface Gráfica de Usuario para traballar de forma máis cómoda e amigable coa linguaxe R.
Este curso está dirixido a formar tanto ao persoal que habitualmente traballa con software estatístico privativo, como aos non iniciados no campo dos estudos estatísticos, no manexo de R no seu ámbito gráfico R Commander, software libre de referencia neste tipo de estudos.

O curso está formado por 11 temas, que abarcan dende os pasos necesarios para instalar o paquete RCommander, ata a instalación de engadidos para aumentar as funcións, pasando por diferentes tarefas de tipo estatístico:

  • Comezando con R
  • Instalación
  • Instalación de paquetes
  • Instalación de paquetes RCommander
  • Manexo de datos
  • Creación de gráficos
  • Estatística descritiva
  • Distribucións de probabilidade
  • Inferencia
  • Regresión lineal simple
  • Engadidos no RCommander

O material está dispoñible nos seguintes formatos:

  • Pdf, facilita a visualización en multitude de dispositivos diferentes (ordenador, smartphone, tablet, libro electrónico).
  • Elp, formato para empregar a ferramenta de edición de contidos exeLearning o que permite que calquera poida modificar ou completar facilmente o curso para adaptalo ás súas necesidades sempre que cumpra adecuadamente coa licenza.
  • HTML, facilita a visualización a través de calquera navegador.
  • SCORM, conxunto de obxectos de aprendizaxe empaquetados e estruturados como material web de forma pedagóxica baixo un estándar libre que permite importar, reutilizar e compartir contidos.
    Este curso está tamén dispoñible para a súa visualización e seguimento, con acceso de conta de convidado, na Aula virtual da Oficina de Software Libre do CIXUG.

Licenza

Este material publicase baixo licenza Creative Commons Recoñecemento-Compartir igual 3.0.
Isto permite que os contidos poidan ser empregados pola cidadanía para calquera uso, tanto a adquisición de coñecementos sobre esta ferramenta de deseño gráfico con licenza libre como a realización de cursos de formación con este material, sempre que se mencione a autoría da obra orixinal e se comparta coa mesma licenza.

Autoría

Todo o material deste curso foi elaborado por Miguel Ángel Rodríguez Muíños, técnico informático na Consellería de Sanidade, e coordinador de proxectos de software libre relacionados con R, como EpiLinux ou BioStatFLOSS, e tamén membro fundador da comunidade “R Hispano”.
A posta en marcha deste curso encádrase dentro das actividades que o Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria (CIXUG) está a desenvolver no eido do fomento do uso e divulgación do Software Libre no ámbito universitario en Galicia, apoiando a concreción das accións definidas dentro da Axenda Dixital de Galicia “Plan de acción 2018 en materia de Software Libre“, e contando co cofinanciamento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Pin It on Pinterest

Share This