Creación de infografías e deseños vectoriais

A infografía naceu como un medio de transmitir información gráfica de forma máis dinámica, viva e imaxinativa, e así resumir e explicar figurativamente ideas e conceptos.

A infografía aplícase principalmente en revistas, documentos, xornais, folletos, páxinas da internet, educación, libros, etc. O propósito é que os gráficos chamen a atención de quen os visualiza polas cores, imaxes ou deseños.

Neste curso, para a elaboración de infografías e outros deseños vectoriais, traballarase principalmente coa aplicación Inkscape. Esta ferramenta é un editor de gráficos vectoriais potente, cómodo e de código libre e aberto, especialmente compatible cos estándares que se usan en Internet.

O material está dispoñible nos seguintes formatos:

  • Pdf, facilita a visualización en multitude de dispositivos diferentes (ordenador, smartphone, tablet, libro electrónico).
  • Elp, formato para empregar a ferramenta de edición de contidos exeLearning o que permite que calquera poida modificar ou completar facilmente o curso para adaptalo ás súas necesidades sempre que cumpra adecuadamente coa licenza.
  • HTML, facilita a visualización a través de calquera navegador.
  • SCORM, conxunto de obxectos de aprendizaxe empaquetados e estruturados como material web de forma pedagóxica baixo un estándar libre que permite importar, reutilizar e compartir contidos.
    Este curso está tamén dispoñible para a súa visualización e seguimento, con acceso de conta de convidado, na Aula virtual da Oficina de Software Libre do CIXUG.

 

Licenza

Este material publícase baixo licenza Creative Commons Recoñecemento-Compartir igual 3.0.
Isto permite que os contidos poidan ser empregados pola cidadanía para calquera uso, tanto a adquisición de coñecementos sobre esta ferramenta de deseño gráfico con licenza libre como a realización de cursos de formación con este material, sempre que se mencione a autoría da obra orixinal e se comparta coa mesma licenza.

Autoría

A posta en marcha deste curso encádrase dentro das actividades que o Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria (CIXUG) está a desenvolver no eido do fomento do uso e divulgación do Software Libre no ámbito universitario en Galicia, apoiando a concreción das accións definidas dentro da Axenda Dixital de Galicia “Plan de acción 2018 en materia de Software Libre“, e contando co cofinanciamento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Pin It on Pinterest

Share This