|
Existen unha multitude de casos de éxito de OpenLayers, o que nos ocupa nesta ocasión trátase do novo xeoportal de Bélxica que está desenvolvido con Angular JS e con OpenLayers, ambas tecnoloxías libres.
Dende o portal permítese acceder ao catálogo de datos xeográficos de todo o estado federal de Bélxica, tamén se ten acceso á descarga de datos dende o portal e podemos acceder ao visor de cartografía o cal nos permite visualizar e escoller unha morea de capas de información, realizar procuras tanto por nome, enderezo ou coordenadas, ademais de que o visor presenta unha aparencia clara e un rendemento impecable.
|
|
OpenLayers é unha biblioteca en JavaScript licenciada baixo a licenza BSD de 2 cláusulas e que nos permite desenvolver aplicacións web con mapas interactivos. Foi un proxecto comezado en 2005 pola empresa MetaCarta e hoxe en día forma parte dos proxectos da OSGeo (do inglés Open Source Geospatial Foundation). Esta biblioteca conta con moita popularidade debido á veteranía desta e as numerosas e completas funcionalidades.
Con OpenLayers podemos cargar nunha páxina web un visor con diversos tipos de información xeográfica en distintos formatos, tanto capas vectoriais como capas de imaxes e fornecidas dende distintas fontes.
Pese a que ten funcionalidades moi completas, pode que non sexan suficientes, por iso OpenLayers permite estender as súas funcionalidades con engadidos de terceiros ou incluso desenvolver un facendo uso da súa API.
|