Novas

O Concello de Teo organiza dous cursos sobre ferramentas libres, un sobre edición fotográfica con GIMP e Darktable e outro de gravación e edición de son con Audacity.

As xornadas de SIG Libre de Xirona veñen de abrir o "Call for papers" para propoñer relatorios así como a guía de patrocinios.

Sobre a comunidade do software libre galega destacamos que en Python Vigo están á procura de propostas para as súas reunións mensuais e Trasno e Punto Gal participaron no Culturgal.

No Concello de Barro están a organizar diversos cursos sobre hardware libre. Entre os que están o de "Iniciación á impresión 3D" onde se centrarán no movemento RepRap e o de "Iniciación á robótica", onde se aprenderá a montar e programar un robot segueliñas da man de Arduino.


Proxecto destacado

Logo Draw.io Draw.io é unha ferramenta de creación e edición de diagramas libre que permite a integración con diversas plataformas. O software consiste nunha aplicación web realizada maioritariamente en JavaScript e licenciada con Apache v2, a cal funciona nunha ampla gama de navegadores e permite a creación de diagramas, contando con modelos para diversos tipos como poden ser diagramas UML, esquemas de rede, fluxogramas, diagramas de enxeñaría e electrónica, mapas conceptuais, diagramas de Venn...

Trátase dunha aplicación sinxela de usar mediante a cal se poden debuxar diagramas profesionais e que cumpre coa maior parte das necesidades que pode ter calquera empresa, profesional ou administración á hora de deseñar diagramas de calquera tipo. Esta ferramenta está dispoñible para traballar en liña podendo gardar os diagramas en Google Drive, OneDrive ou en local. Adicionalmente, a aplicación web tamén está dispoñible para o traballo sen conexión mediante a descarga previa da mesma para o seu uso en diversas plataformas como Chrome OS, GNU/Linux, Mac OS e Windows.

Pin It on Pinterest

Share This