Novas

En mancomún publicamos o terceiro artigo da serie de artigos tecnolóxicos dedicados aos Sistemas de Información Xeográfica.

Dentro da iniciativa SmartPeme da Deputación de Pontevedra impartiranse catro obradoiros relativos a ferramentas libres: En Lalín comezan unha serie de obradoiros sobre Woocommerce titulados "Woocommerce - A solución que procurabas para vender por internet". En Ponteareas comezan un obradoiro sobre Prestashop titulado "Comeza a crear a túa propia tenda online". Tamén sobre Prestashop hai dous que son o segundo módulo, titulados "Xestión dunha tenda online" e contan con edición en Ponteares e en Cambados.

No Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) van impartir unha xornada sobre Docker titulada "Docker práctico para contornas DevOps".

En xuño terá lugar a feira-congreso "Open Expo Europe" en Madrid que reunirá a máis de 400 empresas relacionadas co software libre.

Como cada dous anos en abril, Canonical libera unha nova versión de soporte longo ou LTS de Ubuntu.

Neste mes de abril houbo unha serie de eventos da comunidade: Naceu a publicación dixital Xeración Ñu. Os GPUL Labs continuaron con unha sesión sobre os modelos de negocio con software libre e outra sesión sobre Ansible e GNU Stow. En Lugo celebrouse o "Arduino Day".


Proxecto destacado

logo WooCommerce WooCommerce é un plugin para WordPress que nos permite engadir funcionalidades de comercio electrónico ao noso sitio web desenvolvido co famoso CMS e convertelo así nunha tenda electrónica. É unha das ferramentas de eCommerce máis empregadas en internet (na súa páxina web poden verse numerosos casos de éxito), está licenciada baixo GPL e conta con máis de 400 extensións para complementar as funcionalidade básicas.

Esta plataforma permítenos vender calquera tipo de produto soportando varios xeitos de pagamento, cálculo de impostos, xestionar pedidos e clientes, optimizar vendas mediante varios métodos como cupóns e selección de artigos relacionados, elaboración de informes de vendas, todo isto soportado tamén mediante unha API REST, polo que a integración con outras plataformas se pode realizar dunha forma sinxela e contando coa axuda e documentación da comunidade.

Pin It on Pinterest

Share This