• O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o día 2 de outubro de 2018
  • Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado nalgunha das convocatorias do ano académico 2017-2018
  • Pódese coñecer de primeira man a experiencia dos premiados de edicións anteriores, grazas á sección de entrevistas dispoñibles na páxina do premio

 

O vindeiro día 2 de outubro é cando se pecha o prazo para inscribirse no Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, ao que pode optar todo estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2017-2018, sempre que o proxecto teña unha licenza libre. Polo que aqueles alumnos que presenten o seu proxecto universitario na convocatorias de setembro aínda están a tempo de inscribirse.

O premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.

Material de apoio para os aspirantes

Lembramos tamén que a través da wiki do portal Mancomún hai a disposición de todo o mundo material de apoio encamiñado aos aspirantes no que se comentan diversos aspectos a ter en conta nos proxectos de software libre, como o correcto licenciamento do proxecto ou as ferramentas que debería ter un proxecto de software libre para facilitar a creación dunha comunidade ao seu redor, como poden ser listas de correo, un repositorio público co código fonte…

Entrevistas aos gañadores doutras edicións

Para dar un aliciente de cara a animar á participar nesta convocatoria, a Oficina de Software Libre da Amtega veu publicando no último mes unha serie de entrevistas aos galardoados de edicións anteriores nas que as persoas premiadas relatan o que supuxo este premio para eles, a influencia que puido ter na súa traxectoria profesional ou académica.
Michael García apúntanos que grazas á experiencia obtida co premio o software que está realizando para a tese doutoral tamén o vai liberar.
Ángel Piñeiro comenta que o simple feito de poñer o traballo á vista de calquera para que poida ser avaliado e criticalo fai que a calidade do traballo mellore.
E Óscar Blanco puntualiza que liberando o traballo abres a posibilidade a que a xente poida usalo, estudalo e aprender del achegando así máis visibilidade ao traballo permitindo aprender máis grazas a contribucións doutra xente.

XI edición do Premio

A Amtega convoca este premio, en colaboración co CIXUG e do GPUL ,dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre 2018.

Está é a XI edición deste premio que ten por obxectivo o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o seu coñecemento sobre este tipo de tecnoloxías, e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.

Pin It on Pinterest

Share This