Óscar blanco estudou o Grao en Enxeñería Informática na UDC e recibiu o segundo premio ao mellor proxecto con licenza libre en 2016 polo
seu sistema de domótica para eficiencia enerxética. Realizou o Máster en Enxeñería informática e actualmente traballa como investigador na Universidade da Coruña con dispositivos IoT e Realidade Aumentada. Ademais encántalle cacharrear; forma parte de varias organizacións relacionadas co software e hardware libre. Participa activamente na asociación
BricoLabs onde desenvolve proxectos de electrónica e robótica como hobby e colabora anualmente na organización da Feira de Tecnoloxías Aberta
OSHWDem que se celebra todos os anos en novembro.
Que supuxo para ti gañar este premio?
Gañar o premio supuxo unha recompensa motivadora polo traballo realizado que me animou a seguir traballando no proxecto e dar visibilidade ao mesmo. Desde o primeiro momento tiven a intención de que o proxecto fose libre, pero o premio deume un empuxón máis para licencialo correctamente e darlle visibilidade.
Como evolucionou o teu proxecto despois do premio? Continuaches traballando nel? Conseguiches crear unha comunidade á súa ao redor?
Presentarme ao premio axudoume a identificar os seguintes pasos necesarios para que un proxecto libre como o meu fose realmente útil. Tras o premio, o sistema foi completamente remodelado para facelo compatible cos ecosistemas de domótica libres de forma que achegase valor ás ferramentas xa existentes. Esta remodelación deu lugar a un novo proxecto completo que formou parte do meu traballo fin de máster presentado este ano (2018).
Estás a traballar actualmente? En caso afirmativo, ten relación o teu traballo co Software Libre? Crees que a experiencia adquirida na participación no premio axudouche en algo?
Actualmente estou a traballar na Universidade da Coruña como investigador contratado e tentamos que a maior parte dos proxectos nos que traballamos teñan licenzas libres e ademais colaboramos na medida do posible coas ferramentas libres que utilizamos a diario. Considero que é unha responsabilidade e é bo para todos. Como comentaba anteriormente, presentarme ao premio forzoume a investigar sobre os diferentes tipos de licenzas e aprender a publicar correctamente un proxecto.
Que lle dirías aos estudantes que están a piques de comezar o seu PFC? Recomendaríaslles que o fixesen con Software Libre?
O traballo fin de carreira debe ser un proxecto que che motive. Creo que hai que evitar que se converta nun mero trámite para obter o título. O ideal é buscar un tema que che guste, atopar unha necesidade e abordala cunha solución que che resulte útil. Desta maneira poderás pasalo ben mentres o fas e ao mesmo tempo sabes que o que estas facendo ten un obxectivo e unha utilidade. Utilizar unha licenza libre sen dúbida é o seguinte paso. O proxecto que queda nun caixón non achega ningún valor. Se o liberas, abres a posibilidade a que a xente poida usalo, estudalo e aprender del. Ademais, achégalle moita visibilidade ao teu traballo e permíteche aprender aínda máis grazas ás contribucións que outra xente faga ao proxecto.
Que lle dirías ao profesorado que fai a tutorización dos proxectos para que axudasen aos seus estudantes para participar neste premio?
No meu caso tiven moita sorte, creo que o titor é clave para motivar e guiar ao alumno no proxecto. Creo que todos os profesores deberían informar aos seus proyectandos das alternativas que hai e as vantaxes tanto de publicar o seu traballo como de presentarse a concursos como este. Unha vez o traballo está feito é unha pena non aproveitar estas iniciativas para darlle difusión e sobre todo aprender da experiencia.