Ángel Piñeiro Souto, cursou os estudos de Enxeñería Informática e o Máster en Tecnoloxías da Información na Universidade de Santiago de Compostela. Mentres cursaba o máster comezou a traballar no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS), onde sigue traballando actualmente, colaborando no desenvolvemento de diversos proxectos relacionados coa saúde e as aplicacións móbiles.

Que supuxo para ti gañar este premio?

Á parte do premio en metálico, que sempre é de agradecer, supuxo un recoñecemento a todo o esforzo invertido en Calendula, a app desenvolta durante o TFM, e confirmou que ter liberado o proxecto no seu momento foi unha boa idea. Que o teu proxecto resulte gañador fronte a outros moitos de alto nivel proporciona unha gran satisfacción e un empurrón para continuar traballando nel.

Como evolucionou o teu proxecto despois do premio? Continuaches traballando nel? Conseguiches crear comunidade?

O proxecto está moi vivo, a nosa comunidade en Github ten actividade practicamente a diario. A nivel de traducións, por poñer un exemplo exemplo, contamos cuns 20 colaboradores habituais que manteñen a aplicación en 12 idiomas, algo do que estamos moi orgullosos.

Estás traballando actualmente? En caso afirmativo, ten relación o teu traballo co Sofware Libre? Cres que a experiencia adquirida na participación no premio che axudou en algo?

Como dixen, traballo no CITIUS. Agora Calendula é un proxecto enmarcado na liña de e-Saúde do centro, e por suposto segue sendo software libre. En breve estará dispoñible unha nova versión que se integra co sistema de e-Receita do SERGAS, e que permitirá a tódolos cidadáns galegos xestionar a súa medicación dende o móbil. Acadalo supuxo defender e poñer en valor o proxecto en diferentes ocasións, e a participación neste premio foi unha experiencia que sen dúbida resultou útil para preparar o camiño.

Que lle dirías aos estudantes que están a piques de comezar o seu PFC? Recomendaríaslles que o fixesen con Software Libre?

Diríalles que valoren desenvolvelo utilizando software libre e baixo unha licencia libre, sen dúbida. O simple feito de poñer o seu traballo á vista de calquera para que poida avalialo e criticalo fará probablemente que a calidade do traballo mellore, independentemente de que se cree ou non comunidade durante o seu desenvolvemento.

Que lles dirías ao profesorado que fai a titorización dos proxectos para que axudasen aos seus estudantes a participar neste premio?

Igual ca ós estudantes, diríalles que valoren seriamente esta posibilidade como vía para que os proxectos que se desenvolven non queden nun caixón, como moitas veces sucede, incluso con bos traballos. Se deciden facelo, animaríaos a que eles mesmos fosen os primeiros en contribuír ao proxecto. A maioría das forxas dispoñibles para proxectos de software libre proporcionan boa parte das ferramentas necesarias para o desenvolvemento, seguimento e revisión deste tipo traballos, e moitas veces incluso acceso a servizos e ferramentas que para un proxecto pechado serían de pago. Son todo vantaxes!

Pin It on Pinterest

Share This