Novas

Durante o mes de abril publicouse unha pílula sobre a edición de vídeo empregando o software Shotcut e un novo programa de Mancomún Podcast, o número 80, sobre a Xornada de Software Libre Científico que organizou Melisa. Tamén se publicaron os resumos semanais en formato vídeo 43, 44 e 45.

No portal de Mancomún tamén se difundiron algúns eventos que terán lugar proximamente, como poden ser os obradoiros sobre ferramentas libres que se impartirán na aula CeMIT de Pontevedra ou a conferencia en formato híbrido, presencial e en liña, Linux APP Summit 2022, tamén, relacionado coa formación, se publicou a guía do procesador de textos LibreOffice Writer 7.3.


Proxecto destacado

logo de PyTorch PyTorch é unha solución da área da IA (Intelixencia Artificial) que consiste nunha biblioteca de aprendizaxe automático que se pode utilizar para diversas aplicacións dentro da IA como poden ser a visión artificial ou o procesamento de linguaxes naturais.

O proxecto iniciouse por un laboratorio de investigación de Facebook e trátase dun software desenvolvido principalmente en C++ e Python e está liberado baixo os termos dunha licenza do estilo BSD. Conta con soporte para sistemas operativos como GNU/Linux, MacOS e Windows, así como para diversas plataformas de computación para GPUs como CUDA ou ROCm e tamén para CPUs tradicionais. Aínda que o uso maioritario de PyTorch é empregando a linguaxe Python tamén se poden utilizar C++ ou Java.

PyTorch é unha biblioteca amplamente utilizada en proxectos punteiros de investigación e innovación que teñen un compoñente de IA mais tamén se utiliza en contornas de produción contando con ferramentas e funcionalidades que permiten realizar despregues de aplicacións ou modelos para o seu uso ou tamén para realizar o adestramento dos mesmos, ademais de contar con soporte para a escalabilidade en diversas plataformas de computación na nube.

Pin It on Pinterest

Share This