Novas

Durante o último mes no portal de Mancomún publicouse un novo capítulo de Mancomún Podcast falando coa organización do congreso esLibre deste ano, 4 números (07 08 09 10) do resumo semanal de novas en formato vídeo e tamén se publicou o Primeiro Faladoiro Mancomún, a estrea deste novo formato no que as mulleres do mundo tecnolóxico conversarán de diversos temas relacionados co software libre.

Algunhas novidades máis do último mes son as novas versións do sistema de control de versión Git 2.32 e da contorna de desenvolvemento Apache NetBeans 12.4. Outra nova destacada foi a do inicio do soporte empresarial de Blender LTS que proporcionará a empresa Canonical, coñecida por ser a encargada do desenvolvemento e soporte da distribución de GNU/Linux Ubuntu, o novo deseño que ten a plataforma de vídeos PeerTube e a nova edición do portátil ThinkPad X1 que poderá traer Fedora ou Ubuntu instalado de fábrica.

O portal de Mancomún tamén se fixo eco dun par de eventos que terán lugar proximamente como son o encontro anual internacional arredor de GNOME, a Guadec 2021, e o State of the Map 2021, arredor do proxecto de cartografía libre OpenStreetMap.


Proxecto destacado

logo de LiberaForms LiberaForms é unha solución que permite crear e xestionar formularios dunha forma ética e respectando os dereitos dixitais e a privacidade das persoas que os utilicen. Está desenvolvida principalmente en Python e baixo os termos da licenza AGPLv3.

Esta ferramenta comezou a desenvolverse no ano 2019 co nome GNGforms, aínda que a idea que foi o xermolo do proxecto naceu no 2017 en Cataluña debido ao uso pouco respectuoso que fai Google dos datos introducidos na súa ferramenta de formularios.

LiberaForms permite utilizar a súa plataforma en liña dende a cal se poden crear formularios, editar, consultar e descargar as respostas dos mesmos, tamén se pode incluír un apartado pedindo o consentimento sobre a Lei de Protección de Datos. Tamén se pode colaborar con outros usuarios compartindo permisos. A parte de usar o servizo de LiberaForms, tamén se pode despregar o software en infraestrutura propia, tendo así aínda maior control dos datos dos formularios.

Pin It on Pinterest

Share This