Novas

Durante o último mes no portal de Mancomún publicáronse dous novos episodios do podcast de Mancomún, o número 55 con Miguel Muiños no que se falou sobre BioStatFLOSS, a compilación de software libre para epidemioloxía, e o número 56 no que se falou con María Cerviño sobre licenzas libres. No portal tamén se publicaron catro entregas do resumo semanal en vídeo, en concreto os números 03, 04, 05 e 06.

No portal tamén se lle deu difusión a varios eventos e acontecementos que van decorrer proximamente como a apertura do curso titorizado do certificado de destreza en ofimática, coñecido como CODIX, a Conferencia Virtual deste ano arredor da distribución de GNU/Linux empresarial openSUSE, ou o seminario virtual sobre o desenvolvemento dun prototipo para o control de presenza nunha empresa na linguaxe Python e organizado polo CNTG.

Algunhas outras novidades arredor do mundo do software libre tamén foron a publicación do informe sobre a implentación da Directiva INSPIRE en España, o despregue da rede para IoT LoRaWan nas Pontes de García Rodríguez e a nova relacionada co asistente de licenzas do Portal Europeo de Datos Abertos.


Proxecto destacado

logo de Proxmox Proxmox é unha solución que proporciona unha contorna de virtualización baseada en tecnoloxías libres que permite xestionar dunha forma sinxela un centro de datos corporativo. Trátase dun software liberado baixo os termos da licenza GNU AGPL versión 3.

Esta solución trátase dunha plataforma completa no referente á xestión de centros de datos corporativos que aglutina unha serie de software nunha distribución baseada en Debian que se pode instalar en infraestrutura propia ou pode usarse como servizos ofrecidos por terceiros.

Unha das características principais de Proxmox é que permite realizar a xestión de virtualización a través dun interface web intuitiva e sinxela de utilizar e que dende a mesma se poden lanzar máquinas, servizos, configuralos... Soporta dous modelos de virtualización: máquinas virtuais empregando a tecnoloxía KVM ou a tecnoloxía de contedores LXC. Tamén ten ferramentas máis complexas que, a través da interface web, permiten realizar tarefas interesantes para a administración de centros de datos como a xestión de volumes de almacenamento, a xestión de alta dispoñibilidade...

Proxmox tamén é o nome da empresa afincada en Austria que está detrás deste proxecto e que tamén conta con outros proxectos libres como son Proxmox Mail Gateway e Proxmox Backup Server, polo que á solución da que falamos neste boletín tamén se lle coñece como Proxmox Virtual Environment para así distinguir entre todas as solucións e entre o nome da propia empresa que é a encargada do desenvolvemento destas tres solucións sobre as que tamén ofrece servizos de mantemento.

Pin It on Pinterest

Share This