• Ábrese o prazo de presentación de candidaturas ata o 2 de Outubro
  • O acto de resolución do premio será o vindeiro 23 de Outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela
  • Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado nalgunha das convocatorias do ano académico 2019-2020

O Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG) en colaboración co Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), convoca a XIII edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre co obxectivo de fomentar e achegar as universitarias e universitarios galegos ao software libre e ás posibilidades de emprego que lles pode abrir a publicación ou colaboración con proxectos libres.

Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún (https://www.mancomun.gal/premiopfc/). Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio na Oficina de Software Libre do CIXUG, ou na Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega.

Requisitos e prazos

As e os estudantes interesados en participar neste premio deben saber que os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Iniciative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.

Para participar neste premio as persoas interesadas deben seguir todos os pasos requiridos nas bases do premio antes do día 2 de Outubro:

  1. Inscribir o proxecto na forxa de mancomún no tópico “Concursos > Premio ao mellor PFC con Software Libre > 2020”
  2. Entregar unha memoria (máximo 10 páxinas) explicativa dos aspectos específicos do Software Libre e actividade pública do proxecto. A memoria deberá publicarse na sección Documentos do proxecto na Forxa
  3. Darse de alta na lista de correo do premio onde se resolverán todas as dúbidas que poidan ter os participantes, así como se realizará a coordinación do acto de resolución do premio.
  4. Cubrir o formulario de inscrición

Finalistas e acto de resolución

Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, o xurado seleccionará os finalistas que deberán acudir ao acto de resolución do premio, que se celebrará o último venres de outubro, o día 23 de Outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Os finalistas deberán realizar unha breve presentación do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos do seu proxecto relacionados co Software Libre, dos logros acadados, das perspectivas de futuro…

Este premio ten por obxectivo non só recompensar a un proxecto tecnicamente bo, senón a un bo proxecto de software libre. Os criterios de valoración que terá en conta o xurado á hora de tomar a súa decisión son os seguintes aspectos:

  • Nivel de actividade pública do traballo. Valorarase a publicación continúa do traballo, ben sexa utilizando as listas de correo dun proxecto existente, as da forxa de mancomun.gal ou calquera outro medio web, coma por exemplo blogs persoais; a colaboración con outros proxectos de software libre, a creación de comunidade, etc.
  • Uso adecuado dunha licenza libre: valorarase a correcta elección dunha licenza libre e posterior aplicación da mesma ao código do proxecto.
  • Calidade do proxecto: deseño e implementación.

O Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre contará cunha dotación económica inicial de 1.500€ grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG) no marco do convenio de colaboración asinado coa Amtega para o fomento e difusión do software libre.

Ademais, está previsto que se poida ampliar esta dotación económica ata un máximo de 750€ máis en colaboración con outros axentes do ecosistema de software libre no ámbito universitario.

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2020 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.

 

Pin It on Pinterest

Share This