Premio ao mellor proxecto universitario libre 2022

Libera o teu traballo de Fin de Grao ou traballo de Fin de Mestrado como Software Libre e participa!

Ata o 7 de outubro!

Bases do Premio ao Mellor Proxecto Universitario Libre

Convocatoria pechada

A OSL do CIXUG coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca unha nova edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre que se rexerá polas seguintes bases de participación.

Obxectivos

A Amtega convoca este premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre.

O obxectivo da convocatoria deste premio é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o coñecemento que estes teñan sobre este tipo de tecnoloxías, e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que ademais das cuestións éticas e de compartición do coñecemento relacionadas co Software Libre, este constitúe un área de traballo en crecemento.

Con esta iniciativa a Amtega desexa continuar premiando a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado Universitario.

A Amtega da así continuidade dende o ano 2012 á iniciativa promovida pola empresa Igalia nas edicións anteriores dende o ano 2007 co obxectivo de darlle un novo pulo ao premio integrando nel aos distintos axentes do ecosistema do software libre galego coa mesma estratexia global e integradora transversal a todas as actuacións de dito Plan de Acción.

Dada a orientación deste premio aos estudantes do Sistema Universitario Galego, a Amtega conta coa colaboración da OSL do CIXUG para a organización do premio, co obxectivo de achegar a difusión do premio entre o estudantado universitario.

Participantes

Poderá optar ao premio calquera estudante matriculado nalgunha das titulacións de de enxeñería ou enxeñería técnica, titulacións de grao ou mestrado do Sistema Universitario Galego, que teña presentado e defendido o seu Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2021-2022, ben sexa ordinaria ou extraordinaria, sempre que o proxecto fose avaliado antes da data límite.

Ademais para poder participar neste premio o traballo deberá cumprir os seguintes requisitos:

  1. Que sexa realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación.
  2. Que o software desenvolvido durante o mesmo teña unha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.

Tamén poden participar os proxectos que, cumprindo os requisitos previos, sexan realizados utilizando hardware libre.

Inscrición

Convocatoria pechada

O prazo de inscrición para participar no premio remata o.

Os pasos necesarios para presentar o traballo ao premio son os seguintes e deberán realizarse TODOS eles antes da data límite de inscrición:

  1. Inscribir o proxecto na forxa de mancomún no tópico Concursos > Premio ao mellor PFC con Software Libre > 2022. Lembre que a aprobación dun novo proxecto na Forxa é manual e pode tardar ata 72h. Téñao en conta para os prazos.
  2. Entregar unha memoria (máximo 10 páxinas) explicativa dos aspectos específicos do Software Libre e actividade pública do proxecto. A memoria deberá publicarse na sección Documentos do proxecto na Forxa
  3. Darse de alta na lista de correo do premio onde se resolverán todas as dúbidas que poidan ter os participantes, así como se realizará a coordinación do acto de resolución do premio.
  4. Cubrir o formulario de inscrición.

Premios

Nesta edición o Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre terá unha dotación económica inicial global de  1.500€. Ademais, se o xurado o considerase adecuado, podería concederse tamén un segundo premio.

Está previsto que se poida ampliar esta dotación económica inicial ata un máximo de 750€ máis, en colaboración con outros axentes do ecosistema de software libre no ámbito universitario; en calquera caso, o importe global distribuirase de maneira que a cantidade correspondente ao mellor Proxecto duplique a contía correspondente ao segundo premio.

O premio poderá ser declarado deserto no caso de que ningún dos presentados reúna, segundo a opinión do xurado, a calidade mínima necesaria.

Xurado e criterios de avaliación

O xurado do premio estará composto por:

  • Xunta de Galicia (2 persoas): Representante da AMTEGA ou persoa na que delegue e Responsable da Oficina de Coordinación de Software Libre ou persoa na que delegue.
  • Universidades galegas (3 persoas): os directores/decanos das tres escolas/facultades de informática, ou a persoa na que deleguen.
  • Asociación GPUL (1 persoa): Presidente da asociación GPUL ou persoa na que delegue.

O xurado, á hora de tomar a súa decisión, terá en conta os seguintes aspectos:

  • Nivel de actividade pública do traballo. Valorarase a publicación continúa do traballo, ben sexa utilizando as listas de correo dun proxecto existente, as da forxa de mancomun.org ou calquera outro medio web, coma por exemplo blogs persoais; a colaboración con outros proxectos de software libre, a creación de comunidade, etc.
  • Uso adecuado dunha licenza libre: valorarase a correcta elección dunha licenza libre e posterior aplicación da mesma ao código do proxecto.
  • Calidade do proxecto: deseño e implementación.

Hai que recordar que este premio non trata só de recompensar a un proxecto tecnicamente bo, senón a un bo proxecto de software libre.

Resolución do premio

Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas, o xurado fará unha primeira avaliación dos proxectos presentados, e poderá, en función do número de participantes, facer unha selección dos finalistas que acudirán ao acto de resolución do premio.

O acto de resolución do premio terá lugar previsiblemente durante a tarde do venres 21 de outubro, onde os finalistas terán que realizar unha breve presentación ante o xurado, do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos do seu proxecto relacionados co Software Libre, dos logros acadados, das perspectivas de futuro…

O xurado terá a posibilidade de realizar as preguntas que estime oportunas a cada un dos finalistas logo de realizadas as súas presentacións. En base a isto o xurado deliberará e emitirá a súa resolución respecto da concesión do premio.

A decisión do xurado será inapelable. O feito de presentar a candidatura ao premio supón a aceptación expresa destas bases.

O lugar e hora de celebración deste acto será anunciado con anterioridade a través desta páxina e da lista de correo do premio.

FAQS

Consulta as FAQS para resolver as túas dúbidas.

Documentación de apoio

Material de axuda para desenvolver o proxecto acorde aos criterios que se valoran no premio, os principios de traballo do software libre.

Pin It on Pinterest