Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre

 

O Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre ten como meta o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, incrementando o coñecemento que estes teñan sobre este tipo de tecnoloxías e en consecuencia abríndolles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.

Este premio, que vai pola súa VIII edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar unha importante carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu poñer o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha este premio.

Dende o curso 2011-2012 este premio é convocado e organizado pola Amtega como parte do seu Plan de Acción en materia de Software Libre, para o que conta coa colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre galego dentro da estratexia global e integradora transversal a todas as actuacións de dito Plan de Acción.

Dende o curso 2012-2013 a Oficina de Software Libre do CIXUG colabora na organización do premio dada a súa integración no Sistema Universitario De Galicia e sendo o estudantado universitario os seus destinatarios, o que permite incrementar o achegamento aos estudantes.

Pode optar a este premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado Universitario, cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do curso académico 2015/2016 que cumpla cos criterios definidos nas bases do premio.

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia