A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) colabora co proxecto de software libre Ansible a través da publicación na plataforma Galaxy do mesmo unha serie de roles que facilitan a configuración e despregue de diversos servizos.

Nesta ocasión optouse non só por publicar o código fonte liberado a través do repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia, senón que se integraron os compoñentes liberados na plataforma que ten o propio proxecto Ansible, denominada Galaxy, seguindo os protocolos de colaboración recomendados por esta comunidade de software libre.

Esta publicación non é unha colaboración illada, senón que a partir de agora, todos os novos roles que se vaian definindo na AMTEGA e que poidan ser de interese para calquera outra administración, entidade ou particulares, serán tamén publicados seguindo o mesmo protocolo, fomentando a súa reutilización e a colaboración con este importante proxecto de software libre. Nesta primeira fase de liberación publicáronse sobre todo roles relacionados con docker, unha das tecnoloxías de contedores máis de actualidade.

Ansible, ferramenta de automatización de infraestruturas TI

Ansible é unha tecnoloxía de automatización que permite mellorar os procesos necesarios na xestión dunha infraestrutura de tecnoloxía da información (TI), xestión de configuracións, aprovisionamento de recursos, despregue automático de aplicacións, etc…

Os denominados Roles de Ansible son pequenos proxectos que permiten automatizar a realización de varias destas accións de xeito combinado. Están compostos por unha estrutura de directorios e ficheiros mediante os cales se van definindo todas as tarefas a realizar, seguindo unhas regras ben definidas.

Galaxy, a plataforma oficial da comunidade Ansible para compartir Roles

A comunidade de usuarios e desenvolvedores oficial do proxecto Ansible articúlase a través da plataforma Galaxy, un portal web a través do cal se comparten Roles, publicados baixo licenza libre.

Neste portal, a AMTEGA está publicando varios destes Roles, liberados baixo unha licenza de software libre e seguindo as recomendacións e boas prácticas da comunidade en canto á organización dos mesmos, a fin de que poidan ser de utilidade e favorecendo así a súa reutilización.

Conta oficial da AMTEGA en GitHub

Colateralmente a esta colaboración co proxecto Ansible, a AMTEGA estrea conta oficial no repositorio de proxectos colaborativos GitHub. Esta plataforma é ben coñecida entre os desenvolvedores de software libre xa que é unha das máis empregdas para desenvolver este tipo de proxectos de xeito público para que todo o mundo poida ter acceso ao código fonte dos mesmos e colaborar.

Deste xeito poténciase a presenza dos proxectos de software publicados como Software Libre pola Xunta de Galicia, facilitando a súa reutilización e as posibilidades de colaboración nos mesmos por parte doutras entidades ou administracións.

Esta colaboración enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. Estes Roles son liberados cunha licenza libre GPLv3 (General Public License version 3) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).

Pin It on Pinterest

Share This