Novas

Dende o pasado mes de outubro estánse a publicar unha serie de artigos tecnolóxicos no portal Mancomún, adicados á ciberseguridade. Estes artigos tratan principalmente sobre 3 ferramentas de software libre (Zabbix, Ossec e SCAP), sobre as que se van ir publicando varios artigos para coñecelas máis a fondo.

Zabbix é unha ferramenta de monitorización de equipos e servizos sobre a que se fará unha serie de catro artigos, dos que xa van tres publicados.

Ossec é un sistema de detección de intrusión de equipos que ten como cometido o de analizar os rexistros de eventos do sistema operativo, comprobar a integridade do mesmo, auditoría do rexistro dos equipos Windows, detección de rootkits, alerta en tempo real e resposta activa.

SCAP (Security Content Automation Protocol) é un modelo aberto para a automatizacion de tarefas de seguridade, unha especificación aberta enfocada á definición e manipulación de datos de seguridade de maneira estandarizada. Será froito doutra serie de cinco artigos dos que xa van dous publicados.

Xa fora do mundo da ciberseguridade, este mes destacamos tamén a publicación dunha pequena comparativa sobre sistemas de videoconferencia de software libre.


Proxecto destacado

PrestaShop é un sistema de xestión de contidos ou CMS, como son comunmente coñecidos polas súas siglas en Inglés, con licenza libre. A súa principal aplicación é a creación de tendas de comercio electrónico.

É un dos software máis utilizados hoxe en día para a creación de tendas en liña, non só no ámbito do software libre senón de xeito xeral entre todos os software que existen para este campo.

Altamente extensible por medio de módulos, como por exemplo os que provén diferentes tipos de sistemas de pago, é tamén moi personalizable a través de temas que poden ser creados e instalados. Está traducido a máis de 60 linguas e calcúlase que o volume de tendas en liña que o estaban a empregar con data de 2015 era de máis de 250.000 en todo o mundo.


Pin It on Pinterest

Share This